Wednesday 17 de September de 2025

Belén do Campo anima aos viaxeiros a participar nunha nova edición do “Outono Gastronómico Turrimo Rural 2025” con 78 establecementos adheridos


-A delegada da Xunta visitou a Casa do Zuleiro e a Casa Perfeuto María en Outes participantes neste programa

-Ofrécense desde menús especiais, ata paquetes con estadías e nalgunhas das casas e tamén haberá actividades como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou as Casas rurais do Zuleiro e de Perfeuto María participantes no programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2025’, do que se poden beneficiar os viaxeiros desde o 19 de setembro ao 21 de decembro. A representante do Goberno autonómico agradeceu aos seus responsables a súa colaboración con esta proposta turística da Xunta que busca impulsar o turismo rural fóra de temporada. A Casa Perfeuto María oferta tamén Outono Plus e está adherida ao Bono turístico.

No Outono Gastronómico participan 78 casas rurais das catro provincias, das cales 21 están ubicadas na provincia da Coruña, e na comarca do Barbanza a maiores destas dúas casas en Outes tamén participa a Xanela da Lúa de Carnota. Estes establecementos ofrecen paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo, entre outras.

Actividades sostibles
En relación a esta edición de 2025 do Outono Gastronómico, Belén do Campo destacou que dos 78 establecementos de turismo rural, 21 ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras.

Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa, que inclúe produtos de calidade de Galicia moitos deles con denominación de orixe ou con indicación xeográfica protexida; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.

Bono Turístico
Durante a visita a delegada tamén lembrou que o pasado luns abriuse o prazo para que os usuarios poidan desfrutar o bono turístico, ata o 25 de decembro, impulsado pola Xunta de Galicia nos case 500 establecementos adheridos ata o momento. En total, descargáronse 16.666 bonos que supoñen unha inxección ao sector de 2,5M€ dos cales Turismo de Galicia financia 1M€, unha iniciativa exitosa aberta o 18 de xullo xa que se esgotaron en tres días. Cada persoa puido acceder a un máximo de dous bonos, cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes.

Na actualidade están adheridos 495 establecementos das catro provincias: 194 na Coruña, 91 en Lugo, 63 en Ourense e 147 en Pontevedra. Concretamente na comarca do Barbanza están adheridos preto de 40 negocios. O prazo para que os establecementos continúen sumándose a este produto remata o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade.

A Xunta fomenta con esta iniciativa que xurdiu en 2020, a desestacionalización e desconcentración do destino Galicia, fomentando a visita en épocas fora da tempada alta. Desde que se puxo en marcha este programa son activáronse máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego. Deles, 2,5 M€ foron só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.

Tendo en conta a situación deste ano tras a vaga de incendios do verán, a delegada lembrou que desde Turismo de Galicia animase a que os usuarios do bono elixan algún dos establecementos de concellos afectados polo lume, nun intento de reactivar a actividade turística destas zonas.

Deja un comentario