
As leis estatais e autonómicas de telecomunicacións, confeccionadas a medida para beneficio das compañías e prexuízo da cidadanía, continúan a provocar importantes problemas a numerosos veciños e veciñas de Oleiros. Existe un constante goteo de persoas que denuncian ante o Concello diversos problemas de atención por parte, principalmente, das empresas R e Movistar.
Entre outras incidencias negativas, os veciños e veciñas quéixanse dun lamentable servizo de atención telefónica. Tamén continúan a ignorar as peticións de numerosos cidadáns que carecen de servizo de fibra óptica para a conexión a internet, imprescindible neste momento para calquera domicilio.
“Se un veciño e cliente ten que relacionarse e chamar por unha avaría, incumprimento de contrato ou reclamación de conexión de fibra óptica… pois estes veciños non son atendidos. Os teñen colgados máis de 30 minutos no teléfono, ata que os aburren e xa non protestan. É lamentable o que está ocorrendo”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O Concello seguirá a denunciar este tipo de situacións de grave indefensión da cidadanía e abuso por parte das compañías. Os feitos demostran que é necesario adoptar cambios lexislativos para non deixar en mans de compañías privadas un servizo público imprescindible como é o de acceso a internet.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.