Unha sentenza xudicial deixa sen efecto o contrato dun “swap” asinado polo último goberno do Partido Popular
O Xulgado de 1ª instancia nº 13 da Coruña acaba de fallar en favor do Concello no xuízo ordinario emprendido contra Abanca co obxectivo de anular o contrato dun produto financeiro de alto risco asociado a un crédito de 300.000 euros solicitado polo propio municipio en marzo de 2007. A sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, deixa sen efecto o contrato e obriga á entidade bancaria herdeira de Caixa Galicia a reintegrar 61.956,85 euros cobrados indebidamente así como os xuros correspondentes. O xulgado tamén obriga a Abanca a asumir os custes procesais.
O asunto arranca en febreiro do 2007, cando o Concello iniciou un expediente administrativo para concertar un préstamo de 300.000 euros a 20 anos “para financiar varios investimentos municipais”, tal e como recolle a sentenza. Daquela solicitáronse dúas propostas, unha a Banesto e outra a Caixa Galicia. Esta última presentou unha oferta que consistía nun préstamo a tipo variable que, na práctica, se convertería nun xuro fixo dun 4.40% por medio da suscrición dun anexo denominado “Swap-cobertura de tipos”. No pleno do 29 de marzo dese ano o Partido Popular aprobou en solitario a contratación do préstamo cos informes favorables da Secretaría-Intervención municipal.
Porén, o que semellaba un seguro contra a subida dos tipos de xuro nun non era exactamente iso, senón que, ademais do préstamo, o Concello tamén estaba contratando “un produto financeiro complexo que nada ten que ver cun seguro ou unha garantía”, apunta a sentenza. O Swap funcionaba da seguinte maneira: se os tipos continuaban subindo como o estaban facendo no momento de formalizar o contrato, o Concello podería beneficiarse do cobro dunha cantidade diferencial para que a conta se axustase ao 4.40% previsto. Do que ninguén avisou -nin o banco malia sabelo nin os servizos económicos municipais por descoñecemento- foi de que ocorrería se os tipos de xuro baixaban, como ocorreu de forma acusada a partir de 2009. Esa hipótese -que despois se confirmou na realidade- supuña que nun escenario de baixada do Euribor era o banco quen descontaba das contas municipais a cantidade compensatoria correspondente.
Así as cousas, desde 2007 ata inicios do 2009 o Concello foi pagando o préstamo ao tempo que recibiu nese tempo case 1.400 euros do Swap. Pero a partir de marzo dese ano empezaron a vir liquidacións negativas que se irían acumulando ata que o goberno municipal optou por cancelar o crédito e deter a sangría que se estaba producindo nas arcas públicas.
Malia todo, en xuño de 2012 -momento no que se liquidou o préstamo- foi cando o Concello descubriu que cancelar o crédito non significaba cancelar o Swap. O edil de Facenda por aquel entón, Suso Soto, lembra que o equipo de goberno tivo coñecemento da existencia do Swap contratado polo último executivo do PP “cando nos chamou unha representante de Caixa Galicia e nos dixo que a cancelación aprobada polo pleno tiña un custes de 56.000 euros. Ata daquela ninguén nos informara de que existía un Swap nin tampouco houbo ningún informe da Secretaría-Intervención municipal nese sentido cando levamos a pleno a cancelación do crédito”.
O banco ofreceu daquela un acordo de cancelación anticipada cunha quita do 75% que suporía o desembolso de preto de 14.000 euros. “Non aceptamos esas condicións e por iso iniciamos de inmediato o expediente de anulación do contrato suscrito”, apunta Soto. Unha decisión que contou con informe vinculante do Consello Consultivo de Galicia en 2014 recomendando acudir á vía xudicial, que a asesoría externa contratada polo Concello iniciou en marzo do ano pasado interpoñendo unha demanda contra Abanca como herdeira do negocio de Caixa Galicia.
Ata decembro de 2015 o Concello levaba acumulado un saldo negativo por culpa do Swap que ascendía a 63.337,04 euros que, unha vez compensados cos 1.380,19 euros percibidos ata marzo de 2009, dan como resultado 61.956,85 euros. Esa é a contía que Abanca deberá devolverlle ao Concello -xunto cos xuros acumuladors- de acordo coa sentenza ditada o pasado 16 de marzo polo Xulgado de 1ª Instancia nº 13 da Coruña.
Nela establécese que o banco non cumpriu coa súa obriga de facilitar “información imparcial, clara e non enganosa, de modo que o cliente poida comprender a natureza e os riscos do servizo que se lle ofrece” para que a contratación do produto fose “plenamente informada”. Abunda o texto en que o Swap contratado polo PP xusto antes de abandonar o goberno municipal “é un produto financeiro complexo” e cualifica ao Concello de San Sadurniño como “o perfil dun cliente minorista […] que en modo algún podía considerarse como un inversor profesional ao que debera presumírselle a experiencia, os coñecementos e a cualificación necesarios para tomar decisións de investimento e valorar correctamente os riscos”. Unha cualificación que se fai extensiva ao Secretario-Interventor municipal, como interlocutor no proceso de contratación, de quen a xuíza di na sentenza que “non consta que teña especiais coñecementos nin experiencia na contratación de produtos financeiros complexos, como o son os contratos Swap”.
Conclúe a maxistrada que o Concello asinou o contrato “por erro” na crenza de que o Swap “serviría para eludir os efectos perniciosos dunha suba dos xuros de interese e sen coñecer con precisión que ocorrería nun escenario de baixada de tipos”, así como o feito de que o contrato do crédito e o do Swap “podían ter vidas independentes”. Por todas estas razóns e outras recollidas na sentenza que lle foi comunicada hoxe oficialmente ao Concello, o xulgado estimou a demanda municipal declarando nulo o contrato de permuta financeira de tipos de xuro -o Swap- e acordando a devolución dos importes cobrados por Abanca, así como os xuros acumulados desde as datas en que se cargaron na conta do Concello. A xuíza imponlle á entidade, ademais, as costas procesais. Cómpre ter en conta, iso si, que a sentenza non é firme e que contra dela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial nos próximos 20 días.
As reaccións á sentenza
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, recibiu a notificación da sentenza como “unha victoria política dos intereses xerais do pobo contra os intereses especulativos e antisociais do sector bancario”.
García engade que nin el nin ningún dos membros dos dous últimos gobernos municipais chegaron a saber “as razóns polas que o goberno do PP solicitou un préstamo de tanta envergadura nin os detalles que rodearon a contratación dun produto financeiro que despois resultou ser un caramelo envelenado”. O alcalde agarda que a sentenza xudicial “sexa firme en breve”, habida conta de que o pronunciamento da xustiza “está sendo favorable para os afectados nun alto número de casos parecidos”.