
— Con estes galardóns recoñécese publicamente o traballo de persoas e entidades que desenvolven programas, accións e proxectos en territorio galego
— Este ano distinguiuse individualmente a María Goretti Paz, na modalidade colectiva á asociación Boanoite e como mellor iniciativa á Fundación Abrente
— Na Comunidade están rexistradas neste eido 1.108 asociacións e 231 entes locais, vencellados a concellos
— Incide en que “a solidariedade é un motor de cambio que xera oportunidades de transformación”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe Galicia como un “terra solidaria” tal e como o demostra, puntualizou, “a grande participación, sobre todo da nosa mocidade, nas distintas iniciativas de voluntariado desenvolvidas na Comunidade”. Así o reiterou na entrega dos Premios Galicia de Acción Voluntaria cos que, explicou, “homenaxeamos a quen se esforza a prol de mellorar a vida dos demais en moi diversas vertentes”.
O representante da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, fixo referencia así ás 1.108 entidades asociativas e ás 231 entidades locais, vencelladas a concellos, que forman parte na actualidade no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Neste senso, indicou que “a solidariedade é un motor de cambio ao xerar oportunidades que son capaces de levar a cabo transformacións en distintas situacións”.
Deste xeito, López Campos felicitou aos galardoados nesta quinta edición duns premios que se convocan publicamente coa finalidade de recoñecer o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado en territorio galego, destinando 4.000 euros a cada unha das 3 modalidades establecidas.
O conselleiro enxalzou así o traballo de Maria Goretti Paz González, de Moaña, distinguida como persoa voluntaria do ano na modalidade individual pola súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación relacionadas coa educación e inclusión, o empoderamento e a igualdade, entre outras. Tamén recoñeceu o labor da entidade premiada na modalidade colectiva e que recaeu na Asociación Sociocultural Boanoite da Coruña, centrada no acompañamento, visibilización e dignificación das persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade. Por outra banda, destacou a dedicación da Fundación Abrente, premiada na categoría de mellor proxecto, pola iniciativa Voluntariado para a inclusión, que fai fincapé en mellorar a autonomía das persoas con diversidade funcional.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.