Tuesday 16 de September de 2025

Neda abre este mércores, de forma escalonada, as inscricións nas súas escolas deportivas e de benestar


O Concello de Neda inicia este mércores, de forma graduada, as inscricións no centro cívico para as escolas deportivas e de benestar municipais. E faino, mentres entra na súa recta final o proceso administrativo de adxudicación do servizo de xestión e impartición das actividades. A programación, con propostas para o público adulto, pero tamén para a xente miúda, arrancará o 1 de outubro.

A nova edición de “Nedactívate”, o programa municipal de actividades deportivas e saudables, incluirá ata xuño unha decena de propostas diferentes. O piar central da oferta serán as actividades para a xente adulta que se desenvolven no centro cívico, en horario de mañá e de tarde.

Desta volta, haberá clases de ximnasia de mantemento; ximnasia terapéutica; adestramento funcional; zumba e sesións de ximnasio con monitor e, por suposto, volven as actividades con maior demanda: ioga e pilates. Estas dúas actividades contarán con varios grupos e horarios. En paralelo, manteranse as clases de ximnasia saudable na casilla do Puntal.
A oferta extraescolar incluirá, polo momento, as xa tradicionais clases de patinaxe na pista polideportiva do Roxal. E no que atinxe ás escolas de benestar social, volverá a haber grupos de memoria na Casa da Cultura e obradoiros de Mentes activas no Puntal.

Do mércores 17 ao mércores 24 de setembro poderán formalizar a matrícula, en horario de 9:30 a 12:00 horas, as persoas que se preinscribiron en xuño. Do 25 ao 30 de setembro, será a quenda das persoas empadroadas na localidade que non fixeran a preinscrición. Finalmente, a partir do 1 de outubro, poderá cubrir as vacantes existentes calquera persoa á marxe de que sexa ou non veciña de Neda.
“Nedactívate” incluirá semanalmente máis de corenta horas de actividades entre escolas deportivas, actividades extraescolares e de estimulación cognitiva. As prazas na totalidade das escolas deportivas son limitadas.

Deja un comentario