
Con presenza dunha representación dos Concellos participantes, o Hotel Almirante de Ferrol acolleu este mediodía a presentación do 7º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará do 19 ao 28 de setembro (fins de semana). Ao longo do certame, oito compañías procedentes de Portugal, Brasil, Francia, Arxentina, Bélxica e España achegaranse até os concellos de Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos (que participa a instancias da entidade Apelón Educación), Narón, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”.
As compañías convidadas nesta nova edición do certame son: Trulé (Portugal), Trapusteros Teatro (Brasil/España), Kalina-El árbol que camina (Bélxica/España), Fértil Cultural (Portugal), Pelele (Francia), Búho Teatro (España), Márcia Leite (Portugal) e Pizzicatto (Arxentina). En total ofrecerán 21 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións.
As representacións desenvolveranse en centros cívicos sociais da zona rural e colexios entre o venres 19 e o vindeiro 28 de setembro. Trátase de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público.
No que atinxe ao Concello de Fene, o Festival Internacional de Entes Animados 2025 centrarase nas xornadas do venres 26 e do sábado 27 de setembro. A primeira función, o venres 26, será ás 20 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Fértil Cultural (Portugal) co espectáculo “ Eu é que conto”. Nel “unha señora que colecciona libros vén contar unha historia. Moi distraída, chega tarde, tropeza con todo e, sen querer, entra noutra dimensión: a da imaxinación. Confusa e con outros personaxes invadíndoa, constrúe unha historia diferente, divertida e creativa.Baseada nos contos dos Irmáns Grimm e nos contos tradicionais portugueses, esta señora ofrécenos un momento sorprendente de teatro”.
O sábado 27, o Festival Internacional Entes Animados trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de “La muerte de Don Cristobal”, a cargo da compañía Pelele (Francia). Neste caso, “seguindo a técnica tradicional mediterránea dos monicreques, pero incorporando un ritmo e unha estética máis próximos aos debuxos animados, conta a historia universal da vontade de vivir, onde o humor, a enerxía e a caricatura transcenden o medo e a violencia”. O protagonista, Don Cristobal, é “un ser avaricioso, feo, malvado e sen escrúpulos, que só vive para seguir aumentando a súa xa considerable fortuna. Pero o seu pobre, celoso e moito máis feo servo inventará mil e un plans para asasinalo, cortalo en anacos e, finalmente, apoderarse da súa inmensa fortuna”.
En palabras do director artístico do festival, Plamen Dipchikov, o Festival Internacional Entes Animados representa unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte. O certame pretende “descentralizar os eventos culturais e levar unha programación de calidade aos sitios máis alonxados do centro urbán de cada concello”. E, con este obxectivo, cada ano presenta compañías de teatro de renome internacional, ofrecendo actuacións de alta calidade e promovendo a diversidade teatral de títeres.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.