
As actividades culminarán este domingo 21 de setembro cunha nova edición da Feira Labrega na Praza das Polbeiras
O Concello de Brión ten preparado esta semana un intenso programa de actividades para poñer en valor o sector primario e promover o comercio de produtos locais e sostibles. Unha programación que inclúe a realización da sétima edición da Feira Labrega e da segunda edición da Ruta das Hortas e do Coworking Fest.
A concelleira de Promoción Económica, Guarina Rey, explica que “dende o Concello queremos apoiar o noso rural e promover o comercio dos mellores produtos que produce a nosa veciñanza nas súas hortas. Produtos que, a través de espazos colaborativos como o coworking Transformando en Brión poden chegar ao mercado con todas as garantías sanitarias e con produtos de calidade como zumes, marmeladas, salsas, patés, cremas…que se producen dun xeito totalmente sostible e ecolóxico”.
Coworking Fest
A primeira iniciativa tivo lugar onte luns: o Coworking Fest, coa a primeira das dúas xornadas de portas abertas do espazo colaborativo de Montebalado, que forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. Así, durante a mañá do luns, Daquidarredor, asociación que xestiona o coworking, compartiu coa veciñanza de Brión os distintos produtos que crean, dende conservas de fabas con verdura, marmeladas de todos os sabores ou galletas, ata sorprendentes elaboracións como o “papaxán”, unha bebida a base de laranxa, cacao, azucre e chaiota.
O xoves 18 de setembro terá lugar a segunda xornada de portas abertas, con elaboracións e degustacións en directo de 10:00 a 13:00 horas no espazo colaborativo de Montebalada. A entrada é libre e de balde xa que “queremos aproveitar unhas datas como as do mes de setembro, que é cando moita xente comeza con novos proxectos, para tratar de darlle maior visibilidade ao coworking e captar novas persoas usuarias”, apunta Guarina Rey.
Ruta das Hortas
Outra das novidades que acadou un gran éxito na pasada edición é a Ruta das hortas, visitas guiadas, gratuítas e abertas a toda a veciñanza polas hortas de distintas persoas produtoras de Brión, que darán a coñecer como producen de maneira sostible. O Concello de Brión e a asociación Daquídarredor organizan 3 visitas ás hortas de Pilar (na aldea de Trasouteiro, o martes 15 ás 10:30 horas), de Tomás (aldea de Beca, Bastavales, o mércores 17 ás 18:30 horas) e da Chica (avenida de Santa Minia, o domingo 21 ás 10:30 horas), na que se contará coa compaña do chef José Manuel Mallón.
Para participar non é necesaria inscrición previa. O punto de encontro será o Coworking “Transformando en Brión”, no terceiro andar do centro comercial Montebalado, media hora antes do seu inicio, agás a do domingo 21, que será na propia Feira Labrega.
Feira Labrega
Finalmente, o domingo 21de setembro, de 11:00 a 20:00 horas, terá lugar a sétima edición da Feira Labrega, que volve á contorna da Carballeira de Santa Minia, nesta ocasión á praza das polbeiras. Baixo a lenda “Brión, un xardín comestible”, a Feira inclúe exposición e venda de produtos da horta, froitas de tempada, conservas, queixos, repostería artesanal e alimentos caseiros…
Ás 13:00 horas terá lugar un showcooking a cargo do chef José Manuel Mallón, con degustación dos sabores de Brión e da contorna, así como petiscos da IXP Tenreira Galega. Unha iniciativa na que o Concello de Brión conta coa colaboración do GDR Terras de Compostela, Terreira Galega, Asociación Darredor e do Xeodestino Terras de Santiago. Pecharán a mañá as Escolas de música e baile tradicional de Brión.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o rockeiro Pakolas presentará o espectáculo “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, dirixida a un público infantil e familiar. Ás 17:00 horas, faladoiro “O poder das plantas: etnomedicina na Serra do Caurel”, con María Moure, “María das Herbas”. Para rematar cun novo showcooking ás 18:30 horas da man de José Manuel Mallón, desta vez con degustación de produtos elaborados no coworking Transformando en Brión. A VII Feira Labrega pechará as súas portas ás 20:00 horas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.