Tuesday 16 de September de 2025

A escola infantil de San Sadurniño empeza curso este venres con 20 prazas dispoñibles


A EIM A Rolada comezará o venres o curso 2025-2026. Unha nova etapa para 18 nenas e nenos que, no caso dos que se incorporan por primeira vez, iniciarán ese día o seu período de adaptación ao centro e tamén ao grupo e as mestras coas que compartirán aula durante os próximos meses. O Concello e a dirección da escola convocaron a todas as familias para unha xuntanza informativa que terá lugar no salón de plenos este mércores 3 de setembro ás 19:00h. O xoves desenvolveranse as entrevistas individuais entre o equipo docente e as mamás e papás e o venres, xa si, arrancará o breve período de adaptación.

O curso comezará con 15 nenas e nenos que foron matriculados no prazo ordinario máis outras tres crianzas que accederon á escola despois da primeira asignación de prazas. Sendo así, a EIM A Rolada aínda conta con 20 prazas dispoñibles, repartidas da seguinte maneira por unidades: 8 na aula de bebés de 0 a 1 ano, 5 prazas vacantes na de 1 a 2 anos e, por último, 7 prazas dispoñibles na de 2 a 3 anos.

Desde a área de Igualdade recórdase que, aínda que o período de matriculación ordinaria xa rematase, as familias que precisen deste servizo poden solicitalo en calquera momento ata completar as 38 prazas de capacidade do centro. A documentación e o procedemento para facer o trámite en liña encóntranse na Sede Electrónica Municipal, desde onde tamén se poden descargar os papeis necesarios para presentalo en persoa no rexistro municipal.

As nenas e nenos que xa estean matriculados iniciarán a escola, como é habitual, de maneira progresiva para asegurar unha boa adaptación ao centro, sobre todo a do alumnado que empeza. Este ano o curso botará a andar só coas unidades de 1-2 e 2-3 abertas, aínda que xa houbo familias que mostraron a súa intención de matricular os seus bebés nos próximos meses, co que tamén se activaría a aula de 0 a 1.

En calquera caso, antes do comezo, as nais e pais están convocados a unha reunión informativa que terá lugar no salón de plenos este mércores 3 de setembro ás 19:00h. Ao longo do da xornada do xoves manteranse as conversas individuais coas familias para coñecer con máis detalle calquera necesidade que teñan as crianzas, de cara a ofrecerlles unha atención o máis personalizada posible.

O período de adaptación comezará o venres, día 5 de setembro, cun primeiro día en que as pequenas e pequenos permanecerán na escola unha hora e media na compaña das familias. Nos seguintes días a presenza adulta irá reducíndose co obxectivo de que a incorporación ao centro sexa progresiva. A experiencia doutros anos indica que, salvo moi contadas excepcións, en pouco máis dunha semana os pequenos e pequenas que chegan por primeira vez xa están integradas con total normalidade no día a día da escola.

No caso daquelas crianzas que xa estiveron o ano pasado na aula de bebés -que pasan este ano para a aula de 1 a 2- ou na aula intermedia de 1 a 2 anos -que saltan para a clase de 2 a 3-, a adaptación é practicamente instantánea, posto que xa coñecen ao resto de nenas e nenos e tamén ás mestras.