
O conselleiro de Educación recibe os mozos que representarán a nosa Comunidade en Dinamarca: Laura Periera, do CIFP Manuel Antonio de Vigo; María Bazar, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e Ezequiel Soto, do IES San Clemente de Santiago
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu hoxe os tres mozos que representaran a Galicia no campionato continental de FP Euroskills, que se celebrará do 10 ao 13 de setembro en Herning (Dinamarca). “Estou seguro de que estes tres mozos demostrarán nestas olimpíadas todo o potencial que ten a nosa FP”, animounos o titular de Educación. “Os resultados da delegación galega en citas de anos anteriores son sempre moi satisfactorios e un orgullo para o noso sistema educativo”, engadiu.
Os alumnos que participarán nesta edición de Euroskills son Laura Pereira, do Centro Integrado de FP Manuel Antonio de Vigo, que compite na modalidade de Recepción hoteleira; María Bazar, do Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña, en Panadaría, e Ezequiel Soto, do Instituto San Clemente de Santiago, que o fará en Desenvolvemento web. Eles tres, acompañados por profesores e representantes da Consellería, están “a demostrar neste campionato internacional a calidade da Formación Profesional galega”, remarcou o representante do Goberno galego, que estivo acompañado na recepción pola directora xeral de FP da Xunta, Eugenia Pérez.
600 alumnos de 33 países
O campionato, centrado nun “futuro máis verde”, celebrarase a vindeira semana na cidade danesa de Herning. Alí competirán máis de 600 mozos de 33 países europeos. Todos eles optarán ás medallas do certame en 38 habilidades diferentes.
Galicia participa activamente desde o ano 2007 nas distintas edicións das competicións nacionais e internacionais de Formación Profesional, Spainskills, Worldskills e Euroskills. Ademais, desde o ano 2012 organízase o campionato autonómico, Galiciaskills.
Precisamente, no mes de outubro desenvolverase en Silleda unha nova edición do campionato Galiciaskills 2025 para seleccionar aos integrantes do equipo galego que representarán á Comunidade galega en Spainskills no mes de febreiro de 2026.