Tuesday 16 de September de 2025

As trinta alumnas e alumnos coruñeses que participan no programa das Becas Norteamérica iniciaron hoxe a súa viaxe a Canadá


O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, puxo en valor o carácter pioneiro desta iniciativa impulsada polo Concello desde hai máis de vinte anos

As trinta alumnas e alumnos coruñeses que participan na nova edición das Becas Norteamérica xa viaxan rumbo a Canadá, onde as rapazas e rapaces beneficiarios desta última convocatoria cursarán o seu primeiro ano de Bacharelato en centros educativos do país.

O percorrido cara o outro lado do Atlántico arrincou na pasada madrugada, con saída desde o Coliseum en dirección ao aeroporto portugués de Sá Carneiro (Porto). Dende alí, as e os participantes no programa viaxarán en avión a Canadá.

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, desexou moita sorte ao alumnado que participa nesta edición das Becas Norteamérica, unha iniciativa impulsada polo Concello desde hai máis de vinte anos e que, no seu momento, supuxo unha medida pioneira a escala municipal, favorecendo que a mocidade coruñesa curse estudos no estranxeiro, adquira un dominio avanzado da lingua inglesa e, de paso, coñeza e viva polo miúdo a cultura e sociedade do país de acollida.
“É unha ocasión inmellorable para se desenvolver e evolucionar, tanto no referente á formación académica como en termos persoais”, destacou Borrego, que lembrou que o Concello estará ao dispor das familias e do alumnado participante ao longo da súa estadía en Canadá, para atender as súas necesidades ou solventar calquera incidencia.