Tuesday 16 de September de 2025

A Coruña xa quenta motores de cara á segunda parte da tempada do circuíto Coruña Corre, coa Volta a Oza o 14 de setembro


Última semana para inscribirse na carreira, que arrincará no parque de San Diego e percorrerá os barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís Daniel Bardanca e Noelia Souto lideran a clasificación da categoría absoluta, a falta de só tres probas por disputar

Comeza setembro e, con el, volve tamén o circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que nesta segunda parte da tempada inclúe tres probas ata finais de ano. A primeira delas, a Volta a Oza do vindeiro día 14.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a participar na carreira e esta é a última semana para inscribirse. “Unha vez máis, os barrios son protagonistas da programación deportiva do Concello. Coruña Corre é un programa fundamental para o Goberno de Inés Rey, e non só por promover os hábitos de vida saudable a escala interxeracional, senón tamén porque lles dá moita vida aos distritos nos que se compite”, indicou Vázquez.

A Volta a Oza é unha das carreiras máis especiais do circuíto polo peculiar do seu percorrido. Con saída desde o parque de San Diego, pasa polos Castros, o parque de Eirís e O Castrillón, e alterna treitos de asfalto e terra por rúas de fortes pendentes, como a avenida da Concordia e a rolda de Outeiro.

As persoas interesadas en participar na carreira poderanse inscribir na páxina web de Coruña Corre ata as 23.59 horas deste domingo 7 de setembro.
Daniel Bardanca e Noelia Souto lideran o circuíto, a falta de tres probas por disputar
A tempada Coruña Corre 2025 rematará o 23 de novembro. Ata entón, as persoas inscritas no conxunto do circuíto pelexarán polo triunfo final con só tres probas por disputar: a Volta a Oza (14 de setembro), a carreira popular do Ventorrillo (26 de outubro) e a carreira popular de Novo Mesoiro (23 de novembro).

Tras completarse a primeira metade do calendario, o circuíto está liderado actualmente por Daniel Bardanca, á fronte da categoría masculina absoluta e seguido de preto por Víctor Cortés e Diego Valcarce. Na categoría feminina absoluta, Noelia Souto segue posicionada como a primeira da clasificación, con Vanessa Hervada e Yuli Nestsiarovich como segunda e terceira na táboa, respectivamente.