Tuesday 16 de September de 2025

A Festa da Empanada de Carral chega ao seu 50 aniversario coa previsión de despachar 12.000 racións


• A cita gastronómica celebrarase este xoves, 4 de setembro, coa participación das panadarías Mercedes, Pedro Fernández, Cañás e Da Cunha.

Carral reivindicarase, unha vez máis, como capital da empanada. Trátase, xunto co pan, dun dos produtos estrela do municipio. Tal é a súa importancia, que esta é a protagonista dunha das citas gastronómicas con máis historia non só no municipio, senón tamén na comarca. De feito, o evento cumprirá este xoves, 4 de setembro, o seu 50 aniversario coa vista posta en acadar a cifra de vendas do ano pasado, cando se chegaron ás 12.000 racións despachadas. O Concello acolleu, hoxe, a presentación oficial da cita. No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, as concelleiras do equipo de goberno, e representantes das panadarías participantes: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.

Durante a presentación, o rexedor sinalou que este evento ten “un gran arraigo e tradición na comarca, e iso é algo que lle debemos aos panadeiros, que co seu esforzo seguen facendo da Festa da Empanada unha cita ineludible que pon o broche final ás festas de verán”.
Nesta edición, as racións de empanada de bonito, bacallau e polo terán un prezo de 5 euros. No caso das variedades de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas o prezo será de 7 euros.

Ambientación musical

A cita gastronómica ofrecerá boa comida, pero tamén boa música. Así, están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Faíscas da Pontagra (18.30 horas), Arnela (19.30 horas) e Xacarandaina (20.30 horas).
A música continuará á noite, a partir das 22:00 horas, da man das orquestras Los Satélites e Cinema nas Festas do Socorro de Carral.