
— O conselleiro de Educación visita o centro, onde a Xunta acometerá unha rehabilitación por 2,5 M€ no centro de FP con máis alumnado de Galicia
— A obra, que está previsto comezar en novembro e rematar para o inicio do curso 26/27, permitirá cambiar 3.411m2 de cubertas, 243 ventás e 500 luminarias
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto a través do que a Xunta vai renovar por completo as instalacións dun dos centros de referencia da cidade da Coruña, o Centro Integrado de FP Ánxel Casal – Monte Alto. Nunha visita na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou que cun investimento de 2,5M€ “esta actuación vai permitir adaptar o centro aos novos tempos e reducir o seu consumo enerxético en case un 50%, mellorando tamén a vida diaria da comunidade educativa”.
O conselleiro lembrou que se trata do centro con máis alumnado de Galicia, con máis de 2.500, e cuxas as instalacións teñen unha antigüidade de máis de 40 anos. “Con esta obra buscamos reducir a pegada enerxética dos edificios e incrementar o confort térmico, o que vai redundar en máis comodidade para alumnos e docentes”, puntualizou. Está previsto que a obra comece en novembro e estea lista para o inicio do curso 2026/27.
A obra do centro coruñés enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar as instalacións dos centros educativos de Galicia, facéndoas máis eficientes desde o punto de vista enerxético, incrementando a súa funcionalidade e adaptándoas ás necesidades do ensino do século XXI. O plan inclúe xa preto de 100 actuacións nos centros da cidade, cun investimento de preto de 23,3M€.
Entre as obras en marcha neste momento destacan as melloras sectoriais e cubrición da pista do IES Salvador de Madariaga (2,1M€), rehabilitación integral do IES Plurilingüe Rafael Dieste (1,7M€), o cambio de cuberta do IES Ramón Menéndez Pidal (724.000€) e as melloras sectoriais no IES Ramón Otero Pedrayo (529.000€). Estas actuacións, xunto coa rehabilitación integral do CIFP Ánxel Casal e as pequenas e medianas obras que se executaron no verán en sete centros da cidade, supoñen un investimento de 7,7M€.
Detalles da intervención
O programa da intervención contempla a renovación total da envolvente do centro. Isto inclúe o cambio de 3.411m2 de cubertas, por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de escuma de poliuretano de 30 mm de espesor. Na zona de talleres instalarase panel sándwich de 80 mm, substituíndo canlóns e baixantes. Tamén se aplicará un sistema de illamento térmico de diferentes tipos, en función das necesidades de cada zona, en 3.360m2 de fachadas.
A maiores, renovaranse as carpinterías metálicas, mudando 243 ventás e 14 portas exteriores. As novas carpinterías metálicas serán de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros dobres tipo climalit. Substituiranse tamén as persianas actuais por unhas de aluminio con lamas con illamento térmico a base de escuma inxectada de poliuretano e substituiranse as súas caixas por unhas compactas.
O programa da intervención inclúe a renovación dos falsos teitos, que serán rexistrables constituídos por panel acústico autoportante de la de roca, así como a Instalación de máis de 500 luminarias tipo LED, equipos de regulación e equipos de detección de movemento na totalidade do centro. Asemade, acometeranse tarefas de pintado e sinalización.