
O venres inaugúrase a exposición sobre aves mariñas, o sábado farase unha ruta guiada para avistar aves e o día 27, unha camiñada polo Sendeiro Azul.
O programa O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro é unha iniciativa do Concello da Laracha e do GALP Costa da Morte que busca favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e poñer en valor o patrimonio ambiental e cultural do noso litoral. Entre as iniciativas recentes levadas a cabo no marco deste proxecto están a instalación das letras corpóreas de Caión e a creación da ruta Self-Caionízate no paseo marítimo e a elaboración de murais que embelecen varios puntos da vila.
Dentro deste proxecto tamén se van realizar actividades dirixidas á sensibilización ambiental nas que se convida a participar á cidadanía xa que, pola súa temática, van dirixidas a todos os públicos.
O venres ás 18:30 horas será inaugurada no Centro Sociocomunitario de Caión a exposición sobre aves mariñas Compañeiras do mar e do ceo. O acto será aberto, con acceso libre, e contarase coa presenza de Franqui Illanes, guía especialista en aves e interpretación do patrimonio, que explicará dun xeito ameno e próximo o fascinante mundo das aves. A mostra poderase visitar ata o 3 de outubro, de luns a venres, en horario de 17:00 a 20:00 h.
O día seguinte, o sábado, ofrécese a realización da ruta Caión con prismáticos. Descubrindo as aves entre o mar e o ceo, guiada precisamente por Franqui Illanes. Observaranse as aves que nos acompañan nesta época do ano en Caión nun percorrido sinxelo, para todos os públicos e coa recomendación de levar prismáticos. A saída desde o Centro Sociocomunitario será ás 10:00 h e terá unha duración aproximada de dúas horas.
E para o sábado 27 de setembro queda a última actividade, que será unha camiñada polo Sendeiro de Saldoiro guiada por Luz Eyo, especialista en interpretación do patrimonio, que fará un percorrido pola historia e modos de vida de Caión. O itinerario é de dificultade baixa e apto para todos os públicos.
Para poder participar na ruta Caión con prismáticos. Descubrindo as aves entre o mar e o ceo e na camiñada polo Sendeiro de Saldoiro requírese inscrición previa, que é gratuíta, ao estar as prazas limitadas. As persoas interesadas poden anotarse chamando ao 981604328 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.
O proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro, conta cun orzamento total de 77.000 euros e está financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP da Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.