Monday 15 de September de 2025

O Concello solicitará á Xunta a convocatoria da comisión de seguimento das obras do Novo Chuac, para aclarar os prazos reais da súa execución


O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, expresou a súa preocupación polo avance dos traballos e lembrou que o hospital coruñés é o último sobre o que actúa a Xunta no territorio galego

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, tomou parte esta mañá no acto de supervisión do acceso provisional habilitado desde a AC-10 ao CHUAC, unha intervención que forma parte das obras de execución do Novo CHUAC, obras que, tal e como indicou Lage, “vemos con preocupación porque vemos que non se van cumprir os prazos cando a Xunta anunciou en 2022 que o 80% dos traballos estarían listos neste ano 2025”.

No acto desta mañá, no que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, Lage adiantou que o Concello solicitará á Xunta a convocatoria da comisión de seguimento das obras, co obxectivo de aclarar os prazos reais do futuro centro hospitalario coruñés: “É o momento de facer unha reflexión. As coruñesas e coruñeses non merecen vivir situacións destas características”.

O voceiro do Goberno municipal recalcou que “hai cooperación institucional”, mais tamén lembrou que o Concello ten posto 22 millóns de euros para cofinanciar unha actuación que é de carácter autonómico. “Non se están a cumprir os prazos e, polo tanto, é o momento de que se diga a verdade e que se lle explique á cidadanía cando estará rematado o Novo CHUAC”, instou Lage.

O concelleiro puxo en valor o traballo das e dos profesionais hospitalarios, apuntando que “o CHUAC é o hospital de referencia en Galicia e o no noroeste de España, e sendo o último sobre o que actúa a Xunta, temos que ser esixentes e contar con certidume, con cifras e datos que permitan saber cando contaremos coas infraestruturas hospitalarias. O Concello ten a man tendida, con respecto, esixencia e rigor”.

Apoio ás demandas da UDC sobre os estudos de Medicina

Tamén esta mañá, Lage subliñou o compromiso do Concello coa proposta da Universidade da Coruña (UDC) de contar cunha facultade de Medicina na Coruña.
“Defendemos esta iniciativa, que tamén ten apoiado o Colexio de Médicos e unha gran cantidade de profesionais. Se os responsables do Goberno autonómico apostan por manter os estudios de Medicina única e exclusivamente en Santiago, isto sitúa a cada un no seu sitio. A realidade é que non estamos en 1990, senón en 2025, e A Coruña ten un sector público moi potente no ámbito sanitario e tamén un sector privado moi relevante. Isto, xunto a outra moitas circunstancias, respalda unha iniciativa que o Goberno de Inés Rey seguirá a apoiar”, dixo Lage.

Deja un comentario