
O auditorio da Fábrica, en Perillo, acolle os días 19, 20 e 21 de setembro, a mostra de cine “AMAL X PALESTINA 25”, co obxecto de visibilizar a realidade do pobo palestino a través do cinema, promovendo a reflexión crítica sobre a ocupación, a resistencia e os dereitos humanos. O ciclo trae a Oleiros as películas palestinas máis importantes que formaron parte da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Consta de dúas ficcións e un documental –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine palestino da actualidade.
AMAL X PALESTINA trata principalmente a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais do pobo palestino. Baixo o lema “Existir é resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e na súa historia de resiliencia nun contexto de conflito. Os filmes desta edición exploran a situación de Palestina e a súa xente, unha realidade que transcende o contexto actual e se remonta a 1948, cando deu comezo un conflito histórico que marcou profundamente a vida de millóns de persoas.
A primeira sesión será o venres, 19 de setembro, coa película “The Teacher” ás 20:00 horas; o sábado, 20 de setembro, proxectarase a ficción “To a Land Unknown” ás 20:00 horas; e o domingo, 21 de setembro, a xornada contará coa proxección do documental “Bye Bye Tiberias” ás 12:00 horas; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.
O acceso a todas as proxeccións é libre e gratuíto. A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Concello de Oleiros organizan esta mostra de cine euroárabe.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.