Monday 15 de September de 2025

Ábrese o prazo de inscrición dos programas ‘Coruña Educa’, con múltiples propostas de educación, ocio e lecer para escolares


A iniciativa ‘Chorus’ é a gran novidade, que culminará cunha actuación coral masiva no Coliseum

O Concello da Coruña abre este martes 16 de setembro o prazo para inscribirse nos programas educativos municipais incluídos na nova edición do plan Coruña Educa 2025/2026. O período para formalizar altas permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de outubro.

Este plan engloba unha ampla oferta educativa destinada ao alumnado dos centros educativos da cidade, con actividades formativas, dentro e fóra das aulas, en materia cultural, científica, social, lingüística, ambiental e de lecer. En total, haberá trece itinerarios que inclúen moi diversas propostas para o alumnado das escolas infantís municipais, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e educación especial.

Ademais das tradicionais visitas e itinerarios, concertos da OSG ou teatro para escolares, entre os programas culturais deste novo curso a novidade máis destacada é o programa ‘Chorus’, que se centra na aprendizaxe de técnicas de canto coral, que axudan a desenvolver os coñecementos musicais, a capacidade de escoita, o traballo en equipo, a comunicación e a integración; e que culminará ca celebración dun concerto no Coliseum, xunto coas voces dos Nenos Cantores e o Coro Novo da OSG, os MiniGaos, o Coro Gaos Xove e Coro Gaos, acompañados da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Tamén haberá novos talleres nos centros sobre consumo responsable asociados á electrónica, a moda, a cosmética e os produtos de hixiene persoal; e de respecto medioambiental, con énfase na xestión doméstica sostible de enerxía, auga e residuos, así como sobre os ecosistemas mariños e litorais. Ademais dunha nova proposta fóra dos centros coa ‘Visita ou teu mercado’, ca posibilidade de visitar tres Mercados Municipais (Praza de Lugo, San Agustín e Elviña) para coñecer o seu funcionamento e poñelos en valor.

Tamén terán continuidade programas que se realizaron experimentalmente nos dous últimos cursos: ‘Espías non tempo’, ‘Cinema na escola’, ‘Gargallada. Novas xeracións na comedia’ , ‘Vai a Banda’, ‘Día internacional do xogo’ e ‘Do mar á clase e dá clase ao mar’.

Os centros educativos interesados poderán formalizar a súa participación pola web educativa do Concello www.coruna.gal/educacion. Na maior parte dos programas a inscrición realízase a través da ficha específica en liña do servizo de Educación. Nalgúns casos haberá que cubrir unha ficha que facilita a entidade que desenvolve o programa, o enlace está especificado no cadro anexo e na información de cada programa.

Deja un comentario