Friday 22 de November de 2024

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan a Cociña Económica


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou esta mañá, acompañado da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, as instalacións da Cociña Económica, trasladadas dende hai uns meses ao Albergue de Xoán XXIII mentres duran as obras na sede orixinal da rúa Travesa.

A visita enmárcase dentro do programa de visitas que está a establecer a concelleira de Políticas Sociais con todas as entidades sociais de Santiago. Concha Fernández destacou que a Cociña Económica está “a facer un importante labor social dende 1891” e lembrou que o Concello forma parte do seu padroado e é coñecedor das persoas que a ela acoden e das necesidades das mesmas. O motivo da visita era coñecer de primeira man o traballo que realizan atendendo, segundo datos dos seus responsables, a unha media de 140 persoas ao día.

Na Cociña Económica traballan diariamente dúas cociñeiras e dúas persoas na limpeza, ás que se lle suman traballadoras sociais e un educador social. A achega que fai cada usuario e usuaria é simbólica, ascendendo a 0,20 euros polos almorzos, 0,80 nos xantares e 0,50 nas ceas.

A responsable da Cociña Económica, Esther Seoane, destacou que está a diminuír o número de persoas que acoden diariamente ás instalacións, tratándose sobre todo de transeúntes e persoas sen redes de apoio socioeconómico.
Voltar