
— Destaca a importancia da fiscalización das contas municipais para acadar unha xestión económica ordeada e planificada
— Reitera o apoio da Xunta aos concellos galegos, especialmente aos pequenos, con máis de 641 millóns de euros nos orzamentos de 2025, a cifra máis alta da historia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu hoxe unha nova Lei de Administración Local de Galicia para a presente lexislatura, que modernizará a organización local e simplificará burocracia. Cómpre lembrar que o Executivo galego xa lle vén reclamando ao Goberno central a aprobación de novos sistemas de financiamento que teñan en conta a dispersión, o envellecemento e o despoboamento do territorio galego.
Durante a súa participación na apertura do congreso “1985-2025. 40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia”, organizado polo Consello de Contas de Galicia con motivo do 40º aniversario da Lei homónima, o titular do Executivo galego puxo en valor esta efeméride, que serve para recoñecer o traballo de varias xeracións de responsables públicos e profesionais na consolidación dun sistema institucional sólido, transparente e ao servizo da cidadanía.
Rueda encomiou o papel desempeñado polo Consello de Contas ao longo destas catro décadas, exercendo as súas funcións con independencia e rigor, e destacou a importancia da fiscalización das contas das entidades locais para ter unha xestión económica “ordeada e planificada”, algo que finalmente está “normalizado nos 313 concellos galegos”.
O presidente referiuse aos retos que enfrontan os municipios, como a profesionalización do seu persoal ou a fixación de poboación no rural, e subliñou que un dos sinais de identidade da Xunta é o compromiso sostido co municipalismo galego, especialmente tendo en contas as características demográficas e territoriais de Galicia, cun 90% dos concellos de menos de 15.000 habitantes. Neste sentido, os orzamentos autonómicos de 2025 destinan máis de 641 millóns de euros a apoiar aos concellos, a cifras máis alta da historia, o que supón 40 millóns máis que o ano pasado e un 75% máis que en 2011.
Ademais, o Fondo de Cooperación Local acadou este ano os 168 millóns de euros, un 6,3% máis que en 2024, e puxéronse en marcha medidas adicionais para apoiar aos municipios máis pequenos, como o fondo de 5 millóns destinado a proxectos de eficiencia enerxética.
O titular do Goberno galego incidiu na necesidade de abordar as competencias impromias que asumen as administracións locais chegando a consensos, lembrando que a Xunta tamén asume competencias que legalmente corresponden a concellos ou deputacións, como o Servizo de Axuda no Fogar, os Grupos de Emerxencia Supramunicipais ou a xestión de residuos. Trátase de gastos imprescindibles para aliviar a presión financeira das entidades locais e garantir servizos básicos en todo o territorio, cubrindo carencias que o Estado non atende.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.