
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, participou este mediodía na inauguración oficial do certame, que se realiza do 3 ao 6 de setembro
O Fórum Metropolitano acolleu esta mañá o acto inaugural do Festival Lóstrego, que arrinca hoxe a súa primeira edición na cidade da Coruña cunha programación centrada no cinema fantástico e de terror. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Henrique Castro Prado, participou na apertura institucional do evento, que se desenvolverá ata o sábado 6 de setembro con proxeccións, obradoiros, charlas e actividades de lecer para públicos de todas as idades.
Durante a súa intervención, o concelleiro destacou a importancia desta nova proposta cultural “que achega unha ollada renovadora ao audiovisual e converte A Coruña nun punto de encontro para persoas creadoras, público e profesionais do sector”. Castro subliñou tamén o valor do festival “como espazo interxeracional e accesible, que dialoga coa tradición do xénero pero aposta pola innovación e a diversidade”.
O Festival Lóstrego nace co obxectivo de consolidarse como unha cita de referencia para o audiovisual galego e para as persoas afeccionadas ao chamado fantaterror. A súa programación combina a exhibición de curtametraxes galegas, nacionais e internacionais con longametraxes como Malencolía, Jacinto, Sen alma, La noche de los muertos vivientes, Mirai, a miña irmá pequena ou Totoro. A Sección Oficial de Curtametraxes desenvolverase en catro sesións, unha cada tarde entre o 3 e o 6 de setembro.
Ademais das proxeccións, o festival ofrece un amplo abano de actividades paralelas: obradoiros infantís como Crea o teu monstro, Pinta o teu Totoro ou Dados de storytelling; contacontos; unha gymkana máxica; disfraces; mural colectivo; presentacións de libros; e encontros profesionais e masterclasses pensadas para fomentar o intercambio entre cineastas e público.
Un dos espazos destacados desta edición é a exposición colectiva arredor de Totoro, icónico personaxe do cinema de animación xaponés e símbolo de calma, fantasía e respecto pola natureza. A mostra recolle a reinterpretación da figura de Totoro a través das obras de 35 artistas.
A gala de clausura, que terá lugar o sábado 6 pola noite, incluirá a entrega dos premios ás mellores curtametraxes da sección oficial, así como o recoñecemento do público e a intervención das persoas responsables da organización, que pecharán esta primeira edición cunha mensaxe de agradecemento á cidade e ás entidades colaboradoras.
Desde o Concello da Coruña valórase moi positivamente a posta en marcha do Festival Lóstrego, que suma novos formatos e contidos á programación cultural coruñesa e reforza o papel da cidade como referente na promoción da cultura audiovisual, dentro dunha estratexia sostida de apoio á creación e ao acceso á cultura que vén desenvolvendo o Goberno de Inés Rey.
O evento conta co apoio do Concello da Coruña, do Fórum Metropolitano, da organización ALAS A Coruña, da produtora Fonofox e da entidade Kinemaland: A Terra do Cinema. Toda a información sobre o certame pode consultarse na súa páxina web www.lostregofestival.com e nas redes sociais oficiais do festival.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.