Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso abre a inscrición na cuarta edición da súa Carreira Pedestre, coa que agarda chegar aos 1.000 participantes


As anotacións deberán facerse antes do 27 de abril en www.carreiras galegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na cuarta edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar o sábado 30 de abril en horario de tarde. Unha proba organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia, Equip@-T e Bazar Karma. A carreira estará baixo control do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, espera continuar co crecemento experimentado no número de atletas participantes dende o inicio da proba. “Este ano puxemos en marcha a campaña Obxectivo 1.000, que é o número de participantes que agardamos conseguir este ano, despois de que en edicións anteriores rondaramos os novecentos corredores”, explica Rey Villaverde.

Nesta carreira pedestre poderán participar todas as persoas que o desexen. As inscricións pódense formalizar dende hoxe e ata o mércores 27 de abril nas páxinas web www.carreirasgalegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago. As inscricións nas categorías escolares (de pitufo a xuvenil, é dicir, nacidos en 1999 e posteriores) son totalmente de balde, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 5 euros. Non se admitirán anotacións fóra do prazo indicado nin o propio día da carreira.

Probas e categorías

A IV Carreira Pedestre “Concello de Oroso” comezará a disputarse ás 17:30 horas do sábado 27 de abril e inclúe un total de oito probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.

Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 10 quilómetros. Dentro da proba absoluta establécense sete categorías: júnior, sénior e cinco categorías de veteranos (A, B e C masculino; e D e E, feminino). Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos pitufos (nados en 2011 e posteriores), que correrán uns 300 metros na rúa Camiño Inglés. A mesma distancia será percorrida dez minutos despois (17:40 horas) polos prebenxamíns (2009-2010).

Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2007-2008), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2005-2006) para dar dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). O mesmo percorrido tamén o farán os infantís (2003-2004), que sairán ás 19.15 horas. Pecharán a carreira os cadetes (2001-2002) e os xuvenís (1999-2000) percorrendo un total de 3 quilómetros, saíndo ás 19.30 e ás 19:45 horas, respectivamente.

A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará trofeos aos 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, homes e mulleres (os premios non serán acumulativos). Nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.