
Hoxe finalizou o Obradoiro Dual de Emprego coa entrega de diplomas no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo. Os 20 alumnos e alumnas das especialidades de carpintería e moble e actividades en viveiros, xardíns e centros de xardinería recibiron hoxe o seu diploma acreditativo da formación recibida no Obradoiro Dual de Emprego impartido no Concello de Oleiros.
No acto estiveron presentes o Director territorial na Coruña da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce Prego, o Alcalde de Oleiros, Angel García Seoane, e a Concelleira de Deportes, Formación e Emprego, Turismo e Promoción do Emprego, Teresa Vázquez Maseda, encargados de facer a entrega dos diplomas.
Este programa mixto de formación e emprego foi subvencionado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, polo Ministerio de Traballo e Economía Social e o Concello de Oleiros. A subvención da Xunta foi de 422.866,00€ e a aportación do Concello foi de 39.987,15 €.
A duración do proxecto foi de nove meses, nos que os se formaron en diversas áreas: traballos de carpintería e moble, aplicación de vernices e lacas, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e conservación e mellora de montes. Ademais, recibiron formación complementaria noutros ámbitos coma alfabetización dixital, xestión empresarial e prevención de riscos.
Desde a área de emprego do Concello trabállase para favorecer a inserción laboral das persoas que participaron no obradoiro dual en empresas do sector. Neste sentido, o Concello de Oleiros subvencionará ás empresas con 1.500 euros por cada un dos alumnos/as formado neste obradoiro dual de emprego que contraten.
As empresas interesadas poden obter máis información no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo nos Regos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.