
Centos de veciñas e veciños de Carral concéntranse diante do Concello para apoiar ao alcalde que fora elixido por maioría absoluta.
Gran ambiente festivo na manifestación multitudinaria coa que Carral expresou a súa indignación e rabia pola traición de tres concelleiros que, pese a ser elixidos na lista da Alternativa axudarán ao chamado “As de Copas” Mouriño, do PP, a ser alcalde de Carral. O pobo volveu respaldar a Javier Gestal, que foi rotundo: “Vémonos de novo no 2027”, en alusión ás próximas municipais.
Os concelleiros e concelleiras que quedan no equipo de goberno respaldaron a Gestal en todo momento, que tamén se veu acompañado polo presidente da Alternativa, Ángel García Seoane, que leva días cantándolle as verdades aos traidores e preguntándose cal será realmente a compensación que reciben do PP os tres díscolos para desbaratar a lustrosa maioría absoluta coa que se gobernaba Carral.
“Nunca pensei ter tanto cariño de todos vós”, dixo Javier Gestal á gran cantidade de persoas que o aclamaban como lexítimo alcalde de Carral, algo que testemuñaban as pancartas que se exhibían no Campo da Feira, diante mesmo da Casa do Concello: “Os nosos votos non se venden”, “Apoiamos a quen votamos” ou “Golpistas traidores”, unha frase baixo a cara dos tres concelleiros que van perverter o resultado electoral.
Foi a concelleira Natalia Cañás quen pediu a todos os presentes que acudan ao Pleno no que se consumará a traición á democracia. Será o próximo día 10: “Van botarnos da alcaldía, pero nós podemos ir coa cabeza ben alta e eles non”: “Eles teñen que recorrer a estas cousas porque non deron gañado as eleccións”, rematou.
Javier volverá levar as augas ao seu leito, dixo García Seoane na súa alocución: “Coma se de ladróns de votos se tratase, estes vividores da política asestarán un golpe á democracia. Roubarán a vontade dos veciños que lle entregaron os seus votos a Gestal”. Referiuse ao lexítimo alcalde de Carral como “un home sensible, capaz, dialogante, honrado, gran xestor, servidor dos seus veciños, tanto na súa etapa de funcionario público como despois de alcalde e anunciou que os concelleiros e concelleiras continuarán presentes no Concello” vixiando de cerca ao que van facer os asaltantes á alcaldía: “Seguiremos moi atentos a todo e atendendo tamén a todas as persoas que necesiten algo do Concello, como fixemos sempre”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.