
Trescentas persoas, a cifra máxima permitida neste evento, participaron na cuarta edición do Trail Costa Ártabra celebrado esta mañá n acidade. O Concello e a Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón organizaron esta convocatoria, unha carreira UTMB Index, que outorgaba puntos para a gran final das UTMB World series 2026 que se disputarán en Chamonix (Francia). O concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, acudiu ao acto de entrega de trofeos, celebrado ao mediodía. Os resultados ao completo da proba poden consultarse a través da web: www.rockthesport.com, no apartado de clasificacións.
As inscricións podían realizarse nas dúas modalidades contempladas neste evento, carreira e andaina, con saída e meta en ambos casos das inmediacións da cooperativa do Val. O Trail tiña unha modalidade longa de 27 quilómetros e outra de 14, nas categorías sénior e veteráns e absoluta, esta última por primeira vez, masculinas e femininas. A andaina longa tiña un percorrido de 13,5 quilómetros e a curta de 8. Os trazados permitiron aos participantes, en función da modalidade, ver a Pena Lopesa, a Pena Molexa, os acantilados da zona do Val, as praias de Lopesa, Hortiña e Casal… entre outras ubicacións.
Luis García, presidente da Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón asegurou ao remate do evento que dende o colectivo estaban “moi contentos por bater o récord de inscricións nesta edición do trail e polo feito de que os participantes lles trasladaron a súa satisfacción pola organización”. Así mesmo, agradeceu a implicación do Concello, do persoal voluntario e da AVV Os Irmandiños do Val, así como do resto de persoas que fixeron posible este evento.
Pola súa banda, o concelleiro do SPEIS, José Oreona, destacou o labor da Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón e a súa implicación no ámbito deportivo local “o que permite que poidamos desfrutar nesta cidade de probas como a celebrada esta maña pola zona do Val”. Oreona recalcou que “este trail reúne cada ano a máis xente e confiamos en que así siga sendo en vindeiros anos grazas ao esforzo e traballo de todas as persoas que o fan posible”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.