
A proba do circuíto Coruña Corre reuniu a máis de 1.000 persoas participantes este domingo
Tras o parón de verán, este domingo retornou a actividade do circuíto de carreiras populares Coruña Corre coa celebración da Volta a Oza, a primeira das tres probas que restan hasta finais de ano. Máis de 1.000 persoas participaron esta mañá na competición, que se desenvolveu nos barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís.
Miguel Quintáns e Ana Raso foron os gañadores da categoría absoluta. No apartado masculino, tras Quintáns cruzaron a meta Antón Gómez e Abdelaziz Fatihi. Na sección feminina, xunto a Raso tamén subiron ao podio Inés Papín como segunda e Noa Mirantes como terceira clasificada. Todos os resultados das diferentes categorías que se disputaron esta mañá pódense consultar en www.corunacorre.com.
“O circuíto Coruña Corre amosou unha vez máis o seu bo estado de forma, cunha participación moi alta e un gran ambiente. Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando polo deporte e os hábitos de vida saudables, animando a persoas de todas as idades a participar nesta iniciativa municipal”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, que participou esta mañá na saída e entrega de premios da Volta a Oza.
A Volta a Oza é unha das carreiras máis especiais do circuíto polo peculiar do seu percorrido. Con saída desde o parque de San Diego, pasa polos Castros, o parque de Eirís e O Castrillón, e alterna treitos de asfalto e terra por rúas de fortes pendentes, como a avenida da Concordia e a rolda de Outeiro.
Tras esta proba, o circuito Coruña Corre finalizará coa carreira popular do Ventorrillo (26 de outubro) e a carreira popular de Novo Mesoiro (23 de novembro).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.