Monday 15 de September de 2025

O BNG apoiou hoxe a concentración en defensa do Ensino público


Concelleiras e militantes do BNG ribeirense apoiaron as demandas do colexio O Grupo

Hoxe mobilizouse en Santiago a sociedade galega para reclamar profesorado suficiente para o curso 2025/2026.

A Santiago, acompañando ao colexio O Grupo, desprazáronse o responsable local e as concelleiras do BNG, Rafa Pazos, Cruz Ruvadulla e Veva Betanzos.

A concelleira de Educación ribeirense, Cruz Rivadulla, recordou ao alumnado máis vulnerable porque “é no que temos que pensar”. “Así de simple, só terían que asignar a cada centro o profesorado ou especialistas que precisan: PT preferente dentro da aula, sesións semanais… Nin máis nin menos. É o que precisan, o que merecen e é un dereito”.

Non obstante, denunciou que a Xunta “decide facer exactamente o contrario”: asignar profesorado “por debaixo do catálogo oficial”, facendo “desaparecer os especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe ou titores e titoras”. Unha situación que, segundo os datos aportados, se agrava cunha baixada constante do número total de docentes nos orzamentos da Xunta desde 2009.

A concelleira nacionalista acusou á Consellería de Educación de “disfrazar os datos” e de “ocultar que hai menos profesorado que nunca, en aulas masificadas e colocan ás docentes na precariedade laboral”, mentres se “financia o ensino privado con concertos de 350 millóns de euros”.

Cruz Rivadulla alertou de que a comunidade educativa está “en pé de guerra” que comezou o curso sen o persoal necesario, con mobilizacións de equipos directivos, ANPAs e asociacións para reclamar os recursos que garantan a atención á diversidade. “Deben reconsiderar as súas decisións, porque delas depende o futuro deste alumnado, que non ten nada doado o seu paso polo sistema educativo”, rematou.

Deja un comentario