Monday 15 de September de 2025

A Xunta premia as propostas de negocio de 119 alumnos de 10 centros educativos no concurso “Atrévete a ter unha idea”


— O concurso busca promover o espírito proactivo e colaborativo dos estudantes e inclúe visitas a asociacións empresariais e centros de FP

— Está enmarcado no Plan Eduemprende, que nestes momentos ten aberta a convocatoria deste ano para a participación nos centros

Un total de 119 alumnos de 10 centros educativos son recoñecidos cos premios do concurso Atrévete a ter unha idea, unha iniciativa da Xunta de Galicia que promove desde hai máis dunha década o emprendemento entre os escolares. Este programa recoñece as mellores iniciativas emprendedoras e ideas de negocio para fomentar a cultura emprendedora e a innovación entre o alumnado máis novo.
Enmarcado no Plan Eduemprende, cuxa convocatoria deste ano está aberta ata o 10 de outubro, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado, así como dar a coñecer ao alumnado o tecido industrial da súa contorna e as empresas das diferentes asociacións colaboradoras e dos centros punteiros e de referencia na Formación Profesional. De feito, o programa inclúe tanto visitas a asociacións empresariais para coñecer o seu funcionamento como a centros de FP.
Atrévete a ter unha idea, que na última edición chegou a 2.516 alumnos procedentes de 60 de centros, conta con catro modalidades de participación -individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria- e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.
Os galardoados
Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria son un vehículo xeo localizado que mediante sensores recolle o lixo nas cidades e o deposita en bolsas e un xerador de enerxía eléctrica con randeeira para alumear o parque ou a vila, ambas ideas do Colexio Saco e Arce (Toén), así como un xerador de enerxía eléctrica aproveitando o paso dos coches pola vibración e o vento que estes xeran na estrada, do Colexio Pintor Laxeiro (Vigo).
No caso da categoría grupal, as ideas recoñecidas son a creación duns espazos hexagonais na beira do lago das Pontes dedicados a exposicións, con restaurante, hotel e tirolinas proposto polo Colexio A Fraga (As Pontes de García Rodríguez); unhas cabanas de madeira feitas por carpinteiros e serradoiros locais para uso vacacional asistidos por enerxías renovables en Baralla, ideado polo alumnado do Colexio Luís Díaz Moreno (Baralla) e un proxecto de Glamping no lago das Pontes con actividades para toda a semana, deseñado no Colexio da Magdalena (As Pontes de García Rodríguez).
No caso de Secundaria, na categoría de individual son premiadas as seguintes ideas: unha casa rural-granxa onde os clientes que traballen a terra e coiden dos animais obteñen un desconto na tarifa, desde o IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez); unha empresa que fabrica e coloca paneis que absorben o ruído e as vibracións e ao mesmo tempo fan de valo, dirixido sobre todo as obras de construción creada no IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela), e a creación dunhas pequenas placas de metal instaladas nos neumáticos dos coches que ao gastárense, soan ao seu contacto co chan e polo tanto avisan que hai que cambialos, idea que naceu tamén neste instituto santiagués.
Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria, obteñen galardón unha food truck escolar feita no IES Fernando Blanco (Cee) por alumnado de FP para dar servizo de comidas ás persoas relacionadas co centro. Tamén recibiron recoñecemento as ideas do IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), que presentou unha colección de produtos de beleza e masaxe a partir dos restos das propiedades das uvas pisadas, e a do IES A Sangriña (A Guarda) que propón unha pílula que se transforma en paraugas que non hai que collelo senón que vai flotando ao carón da persoa para deixar as mans libres.
Na seguinte táboa pódense consultar os centros premiados:

MODALIDADE CENTRO CONCELLO PROVINCIA IDEA DE NEGOCIO
Premio individual Educación Primaria CEIP Saco e Arce Toén Ourense Robot medioambiental
CEIP Saco e Arce Toén Ourense Xerador infantil
CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro Vigo Pontevedra Xerador de enerxía eléctrica nas estradas
Premio grupal    Educación Primaria CEIP Plurilingüe A Fraga As Pontes de García Rodríguez A Coruña Creactívate no lago
CPI Luis Díaz Moreno Baralla Lugo Cabanas sostibles Baralla
CEIPP A Magdalena As Pontes de García Rodríguez A Coruña Vilaventuras
Premio individual Educación Secundaria IES Plurilingüe Castro da Uz As Pontes de García Rodríguez A Coruña Turismo ecolóxico
IES Eduardo Pondal Santiago de Compostela A Coruña Paneis acústicos
IES Eduardo Pondal Santiago de Compostela A Coruña Cansada de neumáticos gastados
Premio grupal   Educación Secundaria IES Fernando Blanco Cee A Coruña A Fernandeta
IES Lauro Olmo O Barco Ourense Pel de Valdeorras
IES A Sangriña A Guarda Pontevedra O paraugas sen mango

Deja un comentario