Monday 15 de September de 2025

A praza de Pontevedra acolle este ano as actividades da Semana Europea da Mobilidade, que arrincará o vindeiro martes


O Concello súmase un ano máis á campaña de concienciación, poñendo en valor a aposta da Coruña pola mobilidade sostible e avances como a nova ordenanza aprobada esta mesma semana

Ata o día 22, a cidade acollerá mostras fotográficas e talleres participativos de educación viaria, medioambiental e tamén de carácter formativo. Tamén haberá concursos e agasallos

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, convidou á cidadanía a tomar parte nas actividades programadas ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa a escala continental que conta, un ano máis, coa participación do Concello, en colaboración co Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO).

Entre os días 16 e 22 deste mes, A Coruña sairá á rúa para disfrutar dunha ampla programación para todos os públicos. Baixo o lema #MobilidadeParaTod@s, o Goberno de Inés Rey fomentará a divulgación e a participación en accións orientadas á posta en valor das iniciativas que se están a desenvolver na cidade co obxectivo de adaptar A Coruña á mobilidade do futuro, coas persoas transeúntes, os vehículos ciclables e o transporte público compartido como eixos fundamentais.

O acto inaugural da SEM2025 terá lugar o vindeiro martes 16 ás 13.00 horas, na praza de Pontevedra, que será o centro neurálxico dos obradoiros e as mostras previstas, nas que colaboran a Compañía de Tranvías da Coruña, a asociación STOP Accidentes e tamén profesionais dos servizos municipais da Policía Local, a Concellaría de Medio Ambiente e do Centro Integral de Mobilidade (CiMob).

“Haberá actividades de educación viaria con centros educativos da cidade, tamén de divulgación medioambiental e talleres de formación e orientación sobre a circulación en bicicleta. A isto sumaremos un foro participativo no que explicaremos ao detalle a nova ordenanza de mobilidade sostible, que vimos de aprobar e que proximamente entrará en vigor”, lembrou a concelleira. Este foro terá lugar o mércores 17, a partir das 10.40 horas, no salón de actos do IES Eusebio da Guarda.

Outra das xornadas destacadas na SEM2025 que se celebrará na Coruña será o Día Europeo sen Coches, que terá lugar o domingo 21 de setembro con actividades de concienciación en materia de mobilidade e a colaboración da DGT, Stop Accidentes, Mobiliza e Galicia Rollers.

Ademais, o Concello colaborará con asociacións como Mobi-liza, a Agrupación de Montañeros Independientes (AMI) e Galicia Rollers na organización de roteiros didácticos, saídas de marcha nórdica e unha nova edición da Friday Mobility Night.
Tamén haberá sorteos de agasallos entre as persoas usuarias do servizo de transporte urbano entre os días 16 e 22, semana na que A Coruña tamén participará no Reto Europeo de Pasos, unha campaña a nivel europeo na que a cidade compite por ser a urbe que máis camiña, a través dun desafío colectivo coa app Walk15.

A programación completa de actividades xa está dispoñible na web do Concello.

Deja un comentario