
• A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou, esta mañá, tres actividades de baile, teatro e pintura.
O Concello da Pobra reafirma o seu compromiso por ofrecer unha programación cultural e de lecer rica e variada colaborando con entidades na organización de actividades de baile, teatro e pintura. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e os monitores destas propostas, María, Aída e Orlando, presentaron as distintas propostas. Durante a súa intervención, a edil agradeceu a súa implicación “que con estes programas contribúen a ofrecer unha programación máis variada e con alternativas para veciños e veciñas de todas as idades e gustos”.
Por unha banda, as clases de baile, promovidas pola escola de baile El TomaSON, levaranse a cabo todos os xoves na Casa da Mocidade da Pobra. Ofreceranse sesións para nenos e nenas a partir de 3 anos (18.00 a 19.00 horas) e para persoas adultas (de 19.00 a 20.00 horas). As persoas interesadas poderán anotarse no teléfono 689 56 92 24.
Pola outra banda, Espazo Mimarte celebrará, ao longo do curso 2025-2026, diferentes propostas para distintos rangos de idade: desde a de iniciación ao teatro, para os máis pequenos e pequenas, ata teatro infantil, xuvenil e para adultos, así como outra de acting. A entidade habilita o teléfono 672 661 789 e o correo espazoanimarte@gmail.com para consultas e inscricións.
Por último, os veciños e veciñas de todas terán tamén a oportunidade de mergullarse no mundo da pintura da man dos obradoiros de Alicia López. Os nenos e nenas poderán participar nestas sesións os xoves, de 17.30 a 19.00 horas, mentres que os adultos terán clase os martes, de 17.00 a 18.30 horas. A información e as reservas de praza poden facerse na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.