Monday 15 de September de 2025

Xosé Merelles destaca no pregón da Romaría da Virxe da Barca de Muxía os recursos turísticos da comarca cun amplo potencial de natureza e patrimonio


– O director de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia da celebración, declarada de Interese Turístico Nacional, que contribúe a facer de Galicia un destino único

– Máis de 72.000 persoas visitaron a Costa da Morte no que vai de ano

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, estreouse este ano como pregoeiro da Romaría da Virxe da Barca de Muxía. Na súa intervención, Merelles agradeceu a honra da distinción, á vez que subliñou os recursos da zona e da propia festa, declarada de Interese Turístico Nacional en 1989.

O director de Turismo de Galicia distinguiu a Romaría como “lugar de encontro de mocidade, de familias, e de público en xeral”, lembrando que as mencións á festividade remóntanse ao século XVII. Desde entón, “foi gañando en prestixio e éxito”, ata chegar a congregar a máis de 50.000 asistentes o pasado ano, gran parte de fóra. Merelles vinculouna tamén á cultura e historia de Galicia, aludindo ás visitas de Rosalía de Castro, Eduarda Pondal e outros persoeiros para asistir á cita.

Por todo isto, sinalou, é unha das “celebracións de referencia” no calendario de festas de Galicia, “con méritos suficientes para conseguir a declaración internacional”.

Datos do sector
Merelles gabou os recursos turísticos da zona a nivel de patrimonio natural, material e inmaterial, entre os que destacou o parador da Costa da Morte, “onde a arte e as manifestacións de autores galegos do momento compiten coa beleza salvaxe do contorno no que se ubica”.

O director de Turismo de Galicia adiantou, ademais, os datos turísticos do período de xaneiro a xullo. Ata ese mes, máis de 72.000 persoas visitaron a Costa da Morte, das que máis do 32% procedían de países de fóra de España.

Deja un comentario