Monday 15 de September de 2025

Compostela celebra este sábado a Noite do Patrimonio cun programa que abre espazos históricos e creativos á cidadanía


O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebra este sábado, día 13 de setembro, a Noite do Patrimonio, unha cita cultural simultánea nas 15 cidades españolas recoñecidas pola UNESCO. O Concello de Santiago de Compostela súmase un ano máis a esta iniciativa coa organización dunha ampla programación de actividades que poñen o foco no patrimonio como un legado vivo e compartido e procuran fortalecer o vínculo da cidadanía cos seus espazos históricos e culturais alén de promover un novo xeito de habitar a cidade, máis participativo, creativo e consciente.

Así o presentaron este venres en rolda de prensa a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e Manuel Rial, xestor cultural en Trivium, entidade que colabora na organización. A dicir da concelleira, esta actividade ao abeiro da área Patrimonio C busca “poñer en valor o patrimonio da cidade desde unha perspectiva diversa, viva e participada pola cidadanía compostelá e polas persoas que nos visitan, favorecendo o coñecemento e a apropiación simbólica dos espazos históricos máis alá do seu uso exclusivamente turístico”.

Manuel Rial animou á cidadanía e visitantes de Compostela a tomar parte nestes percorridos e actividade de balde que permiten gozar do patrimonio “nun momento diferente, cando normalmente as portas están pechadas, de noite e cunha maxia especial”.

A xornada arrancará coa sección Patrimonio ao Vivo, que traerá a Compostela unha das creadoras máis recoñecidas da danza contemporánea actual: Lorena Nogal, galardoada co Premio Nacional de Danza á Mellor Intérprete en 2024. A artista presentará PICASSa, unha peza de danza site-specific inspirada nas rupturas visuais de Picasso, que transformará o espazo museístico nun lugar de experimentación sensorial e creativa. Haberá dúas funcións deste espectáculo, ás 18.30 e ás 20.30 horas no Museo do Pobo Galego, ambas as dúas con acceso de balde até completar capacidade. A proposta convida público a vivir unha experiencia que mestura corpo, espazo e imaxinación máis aló dos límites escénicos habituais.

Ao caer a noitiña, arrancará o programa de actividades de Patrimonio Aberto, que permitirá visitar de forma guiada a Igrexa de San Martiño Pinario, unha das xoias do barroco compostelán e un dos conxuntos monumentais máis impresionantes de Galicia. As visitas, que se desenvolverán entre as 21.00 e as 23.00 horas cada 30 minutos, permitirán descubrir a musealización deste templo chamado a converterse no futuro Museo Diocesano da cidade.

O programa de portas abertas (das 21 ás 23.30 h) inclúe tamén outros espazos habitualmente pechados ao público en horario nocturno. O Pazo de Xelmírez, antigo centro de poder da Compostela medieval, permitirá percorrer o seu espectacular Salón de Cerimonias e acceder ás exposicións Tesouros de Compostela. O legado Ángel e ao Espazo Mestre Mateo.

Tamén o Colexio de Fonseca, emblema do Renacemento galego, sumará a súa arquitectura á arte contemporánea coa mostra fotográfica Mentindo con mestría de Augusto Pacheco, ao tempo que a Zona C instalada na praza de Cervantes, permitirá á cidadanía coñecer o pazo que outrora abeirou a Casa do Concello.

Outro dos puntos destacados será a Casa do Cabido, onde se poderá visitar a exposición Tras a pegada das musas da artista María Eiras, quen ofrecerá visitas comentadas á súa obra con saída ás 21.00 horas (dende o Mareiras Espazo de Arte situado na rúa do Preguntoiro, 9) e ás 22.00 horas (con inicio na mesma Casa do Cabido).

E porque o patrimonio tamén se constrúe no presente, a sección Patrimonio Agora convidará a coñecer obradoiros e espazos de creación contemporánea da cidade entre as 21.00 e as 23.30 horas. O público poderá achegarse á Galería Patio de Luz (Caldeirería, 38), aos talleres de ourivaría de Kinga Haudek (San Pedro, 83), Brigantia Ourivaría (San Pedro, 79) e Susi Gesto (Algalia de Abaixo, 9) —neste último cunha actividade participativa de creación dunha peza colectiva que require reserva previa no correo susigestoobradoiros@gmail.com

Con este programa, o Concello de Santiago de Compostela quere ofrecer unha experiencia única de redescubrimento da cidade, onde o pasado, o presente e a creación contemporánea dialogan para construír un patrimonio vivo e compartido. Promovido por Compostela Cultura, o programa da Noite do Patrimonio en Santiago conta coa colaboración do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade, o Ministerio de Cultura, o Consorcio de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Catedral de Santiago e Compostela Sacra alén dos espazos de arte e ourivarías que participan no programa.

Deja un comentario