Thursday 21 de November de 2024

A Cadea Marriot escolle o Centro Superior de Hostalería de Galicia para captar talento para os seus hoteis de EEUU


A responsable do Programa Internacional de prácticas das dezanove marcas de Marriott en Estados Unidos trasladouse ata Santiago de Compostela para buscar alumnos que realicen as súas prácticas na cadea

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) acolleu a visita de Marriot que viaxou a España por vez primeira para buscar alumnos que realicen as súas prácticas nos hoteis estadounidenses desta empresa hoteleira.

O CSHG foi a única escola de todo o país escollida para captar talento por esta empresa hoteleira líder no sector con máis de 4.100 propiedades e 19 marcas de hoteis e asociada a outros máis de 4.100 hoteis franquiciados e xestionados en todo o mundo.

Así, a responsable do Programa Internacional de prácticas das dezanove marcas de Marriott en Estados Unidos, Jessica Rey Dubra, trasladouse desde a súa central en Texas ata Santiago de Compostela para explicar aos alumnos do CSHG a filosofía da empresa e para captar novo talento para os hoteis estadounidenses da empresa.

Deste xeito, Rey Dubra mantivo unha charla cos alumnos de 1º, 2º e 4º interesados en facer prácticas nos hoteis de Marriott onde explicou que é a firma e a súa filosofía de traballo. Unha vez rematada a conferencia a responsable de selección de talento realizou diversas entrevistas con cada un dos alumnos.

Durante a súa visita, Jessica Rey Dubra afirmou “estar impresionada polo nivel de inglés e profesionalidade dos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia”. A responsable do Programa Internacional de prácticas de Marriott EEUU sinalou ademais que a maioría dos alumnos teñen algunha experiencia profesional que é difícil de atopar. “Eu viaxo por todo o mundo e é moi difícil atopar rapaces e rapazas tan preparados, polo que temos claro que temos que regresar a este Centro en próximos anos”, engadiu Rey Dubra.

Marriott EEUU ofreceu prácticas de 3 meses nos departamentos de Alimentos e Bebidas, Aloxamento e Recepción para os alumnos de 1º e 2º de Diploma Superior de Xestión Hoteleira, e de 12 meses en dirección para os alumnos de último ano.

Os alumnos que superen esta primeira fase de selección e acepten a oferta da cadea estadounidense, realizarán unha entrevista na Embaixada de EEUU en Madrid para conseguir os seus visados.

A visita desta empresa líder do sector hoteleiro a nivel mundial avala a importancia e recoñecemento acadado polo Centro Superior de Hostalería de Galicia que se consolidou nos últimos anos como unha referencia internacional no ámbito da formación hostaleira e turística.

Restaurantes Fugaces
Por outra parte, o Centro Superior de Hostalería de Galicia continúa coa posta en marcha dos proxectos de viabilidade empresarial do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña. Así, o restaurante do CSHG acolle desde o mes de febreiro aos ‘Restaurantes fugaces’, diferentes modelos de negocio de restauración deseñados e postos en funcionamento polos alumnos do Centro.

Esta semana é a quenda dos alumnos do proxecto ‘Azento Asiático’ que conta co asesoramento de Héctor López, ex-alumno do Centro e membro do Grupo Nove que na actualidade é o xefe de cociña do Restaurante España en Lugo. Azento Asiático ofrece, ata o próximo 4 de abril, unha oferta de carta, menú degustación e take away baseada en produtos frescos e españois cun toque asiático.