Monday 15 de September de 2025

Belén do Campo anima aos establecementos a presentarse aos premios Comercio Galego 2025 que poñen en valor o traballo destes profesionais claves na dinamización económica


― A representante do Goberno autonómico lembrou que os establecementos interesados en optar aos premios poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro

― Hai cinco categorías: Premio Comercio Galego (dotado con 5.000 euros), Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros), Premio Comercio Emprende (3.000 euros), Premio Comercio Dinamización (5.000 euros) e Premio Comercio Sostible (3.000 euros)

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou varios negocios que forman parte do Centro Comercial Aberto de Carballo, acompañada pola súa xerente, Yolanda Antelo. Alí animou aos establecementos do sector a concorrer á nova edición dos Premios do Comercio Galego 2025, aberta ata o 26 de setembro e que busca recoñecer o labor destes profesionais claves na dinamización económica.

En concreto, os establecementos poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

Durante a visita, Belén do Campo puxo a este centro comercial aberto como exemplo de bo facer, destacando que esta entidade recibiu o Premio Comercio Dinamización na edición do 2024, o único dirixido en exclusiva a asociacións e federacións de comerciantes e de prazas de abastos, grazas á súa iniciativa de LoPróximo, unha plataforma dixital que funciona como un punto único, áxil e sinxelo, con toda a oferta de produtos e servizos que ofrece o comercio da localidade para obter asesoramento personalizado ou propostas exclusivas dos establecementos adheridos.

Neste senso, a delegada destacou a gran importancia deste tipo de iniciativas porque son “novas ferramentas dixitais para avanzar na modernización, incrementar as vendas e achegarse a un novo perfil de clientes, transformando así a forma coa que as persoas se relacionan co comercio local”.

Ademais, lembrou que esta entidade tamén recibiu, este ano, case 50.000 euros da orde de subvencións da Xunta dirixida a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización do comercio local para poñer en marcha varios proxectos de apoio aos membros deste centro comercial aberto. Neste senso, a delegada animou a visitar o MercaEdillo que pon en marcha esta asociación, entre o 12 e o 14 de setembro, que se organizou con este apoio do Goberno galego, con descontos ata o 80% en 21 expositores nas carpas e 13 máis nos comercios da localidade e felicitou aos seus responsables por esta iniciativa.

Plan estratéxico do comercio
A delegada enmarcou os galardóns no compromiso da Xunta por ter un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e ás demandas das persoas consumidoras dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.

Nesa liña, lembrou que xa está en marcha o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación a medio prazo dotada con máis de 320 millóns de euros e que contempla 74 medidas concretas para reforzar un comercio local máis sostible, competitivo e de calidade, asegurando a súa viabilidade futura.

Deja un comentario