Monday 15 de September de 2025

O barrio da Falperra celebra esta fin de semana as súas festas


La Paca, a choqueira do pasado Antroido, será a pregoeira

As festas dos barrios da Coruña continúan este mes de setembro cos festexos na Falperra, que toman o relevo de San Vicente de Elviña. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos este ano por mellorar o proceso de concesión de axudas para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.

Haberá actuacións musicais, xogos infantís e unha nova edición do Día do Comercio na Rúa, con diferentes iniciativas comerciais na rúa Industrial. Ademais, La Paca, personaxe interpretada por José Ángel Gago, será a pregoeira desta edición logo de ser nomeada no pasado Antroido coruñés como Choqueira do Ano.

O sábado 13 haberá actuacións musicais desde as 13.00 horas, cando comezará o concerto de Bicos de Nai. Ás 16.30 será a quenda de Jorge Viuda DJ. Ás 17.00 haberá unha actuación do grupo de baile Danza 10, ás 18.00 celebrarase a festa da escuma e ás 19.00 actuará Son de Camagüey. Pola noite actuará a banda Nuevo Plan, que interpretará grandes éxitos da década dos 80.

O domingo 14 a xornada comezará ás 13.30 horas coa actuación de Clandestinos. Xa pola tarde, a partir das 18.00, actuarán Carlos Bau e Hugo Torreiro. Pechará a xornada, ás 20.00 horas, o grupo Púas y Decibelios, banda tributo de Estopa e Joaquín Sabina

Deja un comentario