Monday 15 de September de 2025

Proxecto Indira outubro-decembro 2025


ESPAZO DE ENCONTRO ENTRE MULLERES
A Concellería de Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha de novo o mércores 8 de outubro o Espazo para Mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, actividade que se ven desenvolvendo dende o ano 2018 de xeito ininterrompido cun total de dúas edicións por ano.
“Proxecto INDIRA”. Trátase dun espazo onde as mulleres podan experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.
INDIRA é un proxecto para mulleres a través de encontros semanais, no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións. Traballaremos o autocoñecemento e o autocoidado, a consciencia corporal, conectaremos a través das vivencias de cada muller participante fortalecendo a nosa consciencia como persoas de dereito e respecto. Poñeremos en práctica ferramentas que nos permitan unha mellor xestión das emocións, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado de cara a empoderar as dimensións da nosa persoa: mental, física e emocional

O grupo estará guiado por tres psicoterapeutas con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro entre outras.

O proxecto vai dirixido ás mulleres de Fene, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDADE” (solidariedade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.

O programa desenvolverase durante os meses de outubro a decembro de 2025, dende o 8 de outubro ata o 17 de decembro de 2025. Unha sesión semanal de 2 horas de duración que se realizarán os mércores de 10:00h a 12:00h da mañá no Centro Municipal de Servizos Sociais, sito na Av. do Mar, Bloque 1 – Baixo de San Valentín.

As mulleres interesadas poden anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller sito en Avda. Do Mar, Bloque 1, Baixo, San Valentín, Fene.

O prazo para anotarse permanecerá aberto entre o 15 e o 30 de setembro e a selección das participantes farase segundo rigoroso orde de inscrición, até completar un total de 20 mulleres.

Actividade sen custe para as mulleres participantes.

Deja un comentario