
A Rede de espazos de traballo compartido da Deputación da Coruña celebra desde o ano pasado o Coworking Fest, co que se busca promocionar a propia rede con múltiples actividades e ofrecerlle tanto ao público en xeral como ás persoas usuarias novos puntos de vista sobre a dinamización socioeconómica do territorio, nomeadamente nas zonas rurais e costeiras. Neste 2025, o festival do emprendemento e o traballo compartido desenvolverase na semana do 15 ao 21 de setembro con propostas nos 11 centros integrados na rede. O proxecto A Fusquenlla participará na iniciativa cunha xornada de portas abertas na mañá do martes 16 e cun faladoiro sobre emprendemento (con showcooking) que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño no serán do xoves 18. As inscricións para as actividades do xoves poden facerse a través desta ligazón. O Concello de San Sadurniño inicia con elas a programación co gallo do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), que se desenvolverá ata finais do mes que vén.
O Coworking Fest 2025 é un evento promovido pola Deputación da Coruña para difundir experiencias innovadoras arredor da economía colaborativa e o emprendemento e, nese sentido, a xornada “Transmitindo saberes e sabores” porá o foco no papel das mulleres no medio rural, na soberanía alimentaria e na creación de espazos que permitan preservar o patrimonio inmaterial relacionado coa agricultura, a gandaría e a alimentación.
A actividade, que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño o xoves 18 a partir das 19:00h comezará cunha charla-coloquio na que se poñerán en valor proxectos impulsados por mulleres no rural, tanto desde a perspectiva do emprendemento como desde o autoconsumo consciente e colectivo. O encontro estará moderado por Oriana López Castiñeira, técnica municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño, e contará coa participación de Remedios Hernández Adeba, Cynthia Arias Ramil e Sonia Rodríguez del Valle.
Estas tres produtoras da Fusquenlla compartirán as súas experiencias vitais e profesionais relacionadas co proxecto, ao tempo que ofrecerán unha visión en feminino sobre o presente e o futuro do sector primario e a transformación agroalimentaria. Un momento no que, en certo modo, o rural está volvendo ás súas orixes, apostando pola calidade e a proximidade e recuperando eses saberes e sabores dos que as mulleres foron principais gardadoras. A actividade, de feito, forma parte xa da programación do Día Internacional da Muller Rural (o 15 de outubro), que se desenvolverá en San Sadurniño con distintos eventos até finais do mes que vén.
En paralelo, o público poderá gozar dun showcooking no que a cociñeira María Jesús Abeal Sánchez, tamén usuaria da Fusquenlla, preparará receitas con produtos elaborados no obrador situado en Moeche. Ao remate da conversa, tanto Abeal como as demais participantes na mesa redonda intercambiarán ideas e reflexións co público sobre os desafíos e oportunidades que ofrece o rural. Neste tramo final da xornada degustaranse os petiscos elaborados na demostración, coa que tamén se busca visibilizar a riqueza gastronómica e as grandes posibilidades produtivas que ten a nosa comarca.
O centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla é unha iniciativa participada polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Trátase dun espazo totalmente equipado para transformar horta e froita, así como para o envasado de mel e outros produtos apícolas. Para poder utilizar as instalacións é necesario superar unha capacitación centrada na hixiene e no manexo seguro da maquinaria dispoñible, adquirida maioritariamente con fondos da Deputación da Coruña e da Unión Europea -canalizados a través do GDR Seitura 22-.
Xornada de portas abertas o martes 16
Quen queira coñecer con máis detalle como son as instalacións poderá facelo o martes 16 de setembro entre as 09:30 e as 13:30h, dentro da xornada de portas abertas organizada no marco do Coworking Fest 2025. María José Painceiras Pita e Carmen Caínzos López, usuarias do centro, conducirán as visitas polas dependencias, explicándolles como se reciben os lotes de materia prima, como se lavan, as distintas posibilidades de elaboración que ofrece o centro -prensado, cocción, deshidratado, esterilización, envasado, etc.-, como se almacenan os produtos resultantes e de que maneira se garante a trazabilidade de todos os procesos.
Painceiras e Caínzos, que xa levan tempo traballando no centro, tamén comentarán como é o día a día da Fusquenlla, que funciona cun modelo onde o peso organizativo e da xestión recae en boa medida nas propias persoas usuarias.
A participación na visita guiada e na mesa redonda do xoves 18 é totalmente gratuíta, pero para o faladoiro e a demostración de cociña é necesario inscribirse a través deste formulario en liña de Google.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.