
• A cita gastronómica celebrouse coa participación de Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.
As longas ringleiras foron a imaxe máis común na 50ª Festa da Empanada. Centos de persoas se achegaron, ao longo da tarde, aos postos das catro panadarías participantes nesta edición para degustar esta delicia carralesa.
A expensas de coñecer a cifra final de vendas, os responsables de Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha non escatimaron en esforzos para igualar os números do ano pasado, cando se despacharon 12.000 racións. As persoas asistentes tiveron ocasión de escoller entre as variedades de bonito, bacallau con pasas e polbo, entre outras opcións.
Un evento consolidado
Trátase dun dos eventos máis agardados no municipio xa que a empanada é, xunto co pan, un dos produtos estrela de Carral. Ademais, está consolidada como unha das citas gastronómicas de referencia en toda a comarca e, neste 2025, chegou á súa quinta década de vida.
Unha traxectoria que resultaría “imposible sen os panadeiros e as panadeiras, que redobran esforzos, ao longo destes días, para chegar ás cifras de venda e facer que a empanada siga sendo un dos estandartes de Carral”, incide o alcalde, Javier Gestal.
Ademais da degustación deste produto, o público asistente puido gozar da música de Faíscas da Pontagra, Arnela e Xacarandaina.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.