
· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou a oitava edición xunto á presidenta da Asociación Barbantia, Chus Blanco, e o director de edicións da editorial Galaxia, Marcos Calveiro.
A Pobra busca ás novas promesas da literatura infantil escrita en galego cunha nova edición do Premio Carlos Mosteiro. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou, esta mañá, a oitava edición do certame xunto á presidenta da Asociación Barbantia, Chus Blanco, e o director de edicións da editorial Galaxia, Marcos Calveiro. A iniciativa, froito da cooperación entre a administración, a entidade e a casa editorial, busca, tal e como explicou a edil, un dobre obxectivo: “por unha banda, queremos promover a cultura na nosa lingua, dándolles a novos autores e autoras a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e, pola outra, queremos que este galardón continúe sendo unha homenaxe a Xosé Carlos Mosteiro Fraga, veciño e mestre durante anos no CEP Pilar Maestú Sierra”.
Como en edicións anteriores, a convocatoria está aberta a obras orixinais escritas en lingua galega e dirixidas a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. Os traballos deberán ser inéditos en todos os formatos e non poden ter recibido un premio con anterioridade noutros certames. A extensión está fixada entre os 50.000 e os 150.000 caracteres (cos espazos incluídos), aínda que o xurado poderá considerar esta condición dun xeito flexible conforme á calidade do escrito seleccionado.
As candidaturas poderán presentarse en papel ou en formato dixital (en formatos .doc, .odt ou .pdf). Neste último suposto, deberán entregarse, preferentemente nun soporte USB, no rexistro xeral municipal ou por medio do correo premioliterario.cultura@apobra.gal. O prazo de recepción de orixinais estará dispoñible ata o 1 de novembro.
No interior do sobre de participación incluirase a solicitude de participación no propio Premio, a autorización para que o Concello poida recadar os datos que acrediten que a persoa está ao corrente das súas obrigas tributarias e o documento acreditativo da identidade.
O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil (unha da propia editorial Galaxia). Unha vez analicen todas as pezas, elixirán a unha persoa gañadora que recibirá o seguinte premio: unha dotación económica de 3.000 euros e a publicación do traballo como parte da colección Árbore da editorial Galaxia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.