
Nova sentenza xudicial na cadea de procedementos iniciada en 2021, cando as concelleiras do PP María Belén Trigo Meizoso e Esther Díaz Vergara esixiron por primeira vez que os membros do goberno bipartito de 2007 asumisen co seu patrimonio as indemnizacións aínda pendentes e as xa pagadas polo Concello á Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño polos terreos do Centro de Día e da Cortiña. Despois de que a cuestión fose tratada en pleno en varias ocasións e tras chegar incluso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol acaba de pronunciarse ao respecto, rexeitando por segunda vez as pretensións de ambas concelleiras. A sentenza, que é recorrible, reitera que Secundino García Casal e as demais persoas integrantes do Executivo local non incorreron en ningunha neglixencia e que tampouco se acreditou que as súas decisións lle causasen dano ao Concello.
Foi en decembro de 2021 cando o PP solicitou por escrito que o Equipo de Goberno asinante do convenio urbanístico coa Cooperativa -anulado en 2015- respondese “solidariamente” co seu patrimonio persoal polo custe que lle supuxo ao consistorio o pagamento duns 283.000 euros polos predios rústicos incluídos no acordo, segundo a contía valorada polo xulgado a raíz dunha demanda interposta pola entidade en liquidación.
Á petición popular déuselle curso acordando no pleno de marzo de 2022 a apertura dun período informativo no que se recabaron informes xurídicos do secretario municipal e da asesoría externa contratada polo consistorio, que en ambos casos determinaron que na actuación dos membros do goberno non existira o “dolo, culpa ou neglixencia grave” esgrimida polas concelleiras do PP e que tampouco se produciran danos patrimoniais nin para o Concello nin para a cooperativa, posto que os terreos rústicos foron pagados a prezo de mercado (os urbanos aínda están pendentes de valoración xudicial).
O pleno acordou non iniciar ningún expediente ao respecto e foi entón cando as dúas concelleiras populares acudiron á xustiza. A Sala 1ª do xulgado Contencioso-Administrativo de Ferrol desestimou a demanda de Trigo Meizoso e Díaz Vergara recalcando a competencia do pleno para abrir un período informativo previo (ao respecto das circunstancias da sinatura e posterior anulación do convenio), así como a súa potestade para decidir sobre o inicio ou non do expediente.
Ante a desestimación do asunto por parte do Contencioso-Administrativo, Belén Trigo e Esther Díaz apelaron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen, desta vez si, fallou que o pleno municipal debería ter iniciado o expediente, aínda que sen pronunciarse ao respecto do seu contido nin tampouco sobre como debería resolverse.
En cumprimento da sentenza, de carácter firme, o pleno aprobou en maio de 2024 poñer en marcha o procedemento administrativo correspondente, cuxo resultado se votou no pleno ordinario do mes de novembro dese mesmo ano. A resolución aprobada -sostida dun detallado informe xurídico e técnico- considerou que “non existiu dano ou lesión” ao Concello e que, polo tanto, tampouco concorrían os requisitos para esixirlles responsabilidade aos membros do goberno local de 2007. O acordo adoptado polo pleno tamén desestimou as alegacións de Esther Díaz Vergara e María Belén Trigo Meizoso. Por este motivo, ambas edilas volveron acudir ao Contencioso, que se acaba de pronunciar rexeitando os seus argumentos e dándolle a razón ao Concello, tal e como recolle a sentenza.
Na súa resolución, o maxistrado lembra que o artigo 36 da Lei 40/2015 permite reclamar responsabilidade patrimonial ás autoridades ou funcionarios só cando se demostre con claridade que actuaron con dolo ou culpa grave. Neste sentido, insiste en que “a anulación ou incluso a declaración de nulidade de resolucións administrativas non xera por si soa a responsabilidade da autoridade ou funcionario que participase”. Engade que sería preciso un “esforzo argumentativo reforzado e unha proba indiciaria plural” para acreditar esa culpabilidade, algo que non se produciu no procedemento.
O fallo incide ademais en que non se demostrou a existencia dun dano efectivo ao Concello distinto do valor da finca que recibiu, polo que tampouco se cumpren os requisitos básicos para abrir un procedemento de reintegro contra os cargos de 2007. “O Concello retivo o dominio da finca e viuse obrigado a pagar o seu importe, como non podería ser doutra maneira”, recolle a sentenza.
Con estes argumentos, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol conclúe que procede desestimar a demanda interposta polas dúas concelleiras populares e ratifica a validez da decisión adoptada polo Pleno do Concello de San Sadurniño o 28 de novembro de 2024.
A sentenza establece que cada parte debe facerse cargo das súas propias costas procesuais, repartíndose á metade as comúns. A resolución non é firme e pode ser recorrida, tal e como xa ocorreu anteriormente, en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de quince días desde a súa notificación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.