Thursday 11 de September de 2025

O tango será o protagonista da XVII Homenaxe a Prudencio Romo, que terá lugar este domingo no polideportivo da Silva de Lousame


Participarán o Grupo Enclave, os bailaríns de Santango e a Banda de Música de Lousame

A Asociación Cultural Prudencio Romo e o Concello de Lousame organizan este domingo 7 de setembro a decimosétima edición da Homenaxe a Prudencio Romo, que terá lugar no polideportivo municipal da Silva a partir das 20:00 horas. A diferenza de edicións anteriores, nas que se apostou principalmente por facer un certame de bandas populares, nesta ocasión apostouse por un xénero musical totalmente diferente como é o tango.

Unha homenaxe que foi presentada esta mañá polo tenente de alcaldesa, Esteban Ares, e a presidenta da Asociación Cultural Prudencio Romo, Isabel Gómez Morales; quen estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; a vicepresidenta da asociación, Andrea Festes, e o director da Banda de Música de Lousame, Marcos Pereiro López.

Monográfico de tangos

Isabel Gómez explica que este cambio “xurdiu un día cando nos fixeron un convite a facer un concerto co grupo Enclave e acabamos facendo un concerto que penso que vai ser bonito. Gustaríanos que viñeran moitos veciños a desfrutar dun espectáculo diferente, que a xente se implique e traia aos nenos”. Un punto no que coincide o director da Banda de Música de Lousame, quen apunta: “pareceunos un espectáculo moi atractivo e diferente para o que é a música en Lousame e apeteceunos moitísimo facer este tipo de repertorio porque é algo que non se fixo aquí en Lousame nos últimos anos”.

Neste sentido, Marcos Pereiro sinala que a actuación deste domingo “será un monográfico de tangos, onde imos contar co Grupo Enclave, como solista, cos bailaríns de Santango e coa Banda de Música de Lousame acompañándoos. O concerto terá unha duración entre 50 e 60 minutos, nos que a xente atoparase con tangos clásicos da cultura arxentina”.

Pola súa banda, Esteban Ares explicou que “en vista de como está o tempo, preferimos trasladar o concerto da praza do Concello ata o polideportivo municipal da Silva, que ten gañado moito en acústica cos últimos arranxos que lle fixemos, e así evitamos ter que adiar o certame por mor da choiva como ten pasado en edicións anteriores”.

Finalmente, Silvia Agrafojo agradeceu o traballo da Asociación Cultural Prudencio Romo e da Banda de Música de Lousame por manter esta homenaxe “a un gran mestre da ensinanza musical e que foi director das bandas de música de Outes, Taragoña e Lousame” e convidou a toda a veciñanza a achegarse este domingo polo polideportivo municipal da Silva. A entrada é totalmente libre e de balde.

Deja un comentario