
• Na xornada do proxecto EcoComedores, celebrada no colexio Andaina de Culleredo, logrouse un menú escolar baseado en legumes e verduras por 1,12 euros
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, no marco do proxecto EcoComedores da Biosfera, impartiu onte un taller de cociña de proximidade nas instalacións do CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo). No seminario, ao que asistiron preto de 20 persoas pertencentes á colectividade de cociña de centros escolares da contorna, demostrouse, da man da cociñeira da Rede Chef 2030 Sandra Varela, a viabilidade técnica e económica para a elaboración dun menú escolar co emprego de materias primas ecolóxicas e de proximidade.
Unha vez rematada a charla teórica, que incluíu fichas técnicas con escandallos e custes, elaborouse un menú tipo composto por sopa de verduras de temporada, arroz integral con legumes e verduras e ensalada de repolo e cenoria, materias primas todas elas de produción ecolóxica. Este menú, no que a presenza de proteína é integramente de orixe vexetal, ten un custo aproximado de 1,12 € por comensal.
A xornada rematou coa degustación por parte dos participantes e do persoal do centro escolar do menú elaborado.
EcoComedores pretende que o comedor dos centros escolares se converta nun espazo de educación que transmita os valores dunha alimentación saudable e fundamentada nunha produción e comercialización respectuosas co medio ambiente. Para iso traballa para a utilización de alimentos procedentes dunha agricultura de temporada, de proximidade e ecolóxica.
No proxecto, coordinado por Mariñas Coruñesas, participan ademais como socios a Escola Infantil Municipal A Caracola e a Fundación Juana de Vega. A actuación está financiada pola Fundación Daniel e Nina Carasso e a través do Programa Leader PEPAC 2023-2027.
A Reserva agradece a implicación acadada entre as asistentes así como a magnífica acollida brindada polos responsables de Andaina.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.