Thursday 11 de September de 2025

Aberto o prazo de inscrición para os obradoiros acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga organizados polo servizo municipal de Normalización Lingüística


O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga, que se impartirán nas Escolas do Xardín Agra de Caldas a partir da semana que vén e ata finais de novembro. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe. As persoas interesadas deben cubrir o formulario dispoñible en carballo.gal/axenda.

O obradoiro de acollemento lingüístico vai destinado a persoas de fóra de Galicia, que entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 20 persoas inscritas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. A formación desenvolverase todos os martes e xoves, de 17.30 a 19.00 horas.

Tamén repetimos os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, para os cales tamén está aberto o prazo de matrícula. Neste caso será preciso contar cun mínimo de 10 participantes. As clases impartiranse todos os xoves, de 19.00 a 21.00 horas.

En ámbolos casos, as prazas son limitadas.

Deja un comentario