Thursday 11 de September de 2025

Ribeira preparou os colexios públicos para un novo curso con múltiples intervencións


O Concello de Ribeira informou das actuacións de mellora e mantemento nos colexios públicos do municipio que se fixeron este verán co obxectivo de que o alumnado e o profesorado puideran iniciar o curso nunhas instalacións en mellores condicións de seguridade, accesibilidade e confort.

Estas actuacións responden ao compromiso do Goberno local coa educación pública e co coidado das súas infraestruturas, garantindo que cada centro dispón dos recursos necesarios para o seu correcto funcionamento.

O rexedor local xunto coa a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla se tranladaron até o colexio, EII Deán Grande para facer unha valoración de tódalas obras realizadas nos colexios públicos do municipio durante o verán.

A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, explicou que todas estas obras foron decididas logo dunha reunión mantida coa dirección de cada centro, co obxectivo de priorizar as actuacións que se podían realizar neste período. Quixo agradecer a colaboración e disposición dos equipos directivos dos colexios e engadiu que “sabemos que aínda queda moito por facer, pero seguiremos progresivamente, na medida das posibilidades, acometendo este tipo de melloras tan necesarias”.

A concelleira destacou entre os traballos feitos; unha rampla de accesibilidade de 14 metros cara as pistas deportivas no colexio de Palmeira, recollida de pluviais no patio infantil traseiro xunto a construción dunha beirarrúa de formigón de acceso en Frións, arranxo das táboas do perímetro das pistas deportivas do Grupo por parte de os alumnos de carpintería da UCA, no colexio de Olveira fíxose un novo cuarto de baño, a concelleira salientou finalmente que no colexio do Caramecheiro “onde nos encontramos; fixéronse 3 cuartos de baño novos e durante as obras se descubriu que carecía de saneamento; xa que todo ía a unha fosa séptica que tiña filtracións de cara a praia polo que se tivo que facer o saneamento integral.

Entre os traballos desenvolvidos destacan:

Colexio O Grupo: reparación e recollida de augas filtradas das xardineiras da rampla traseira, derrubo dun mostrador con vertedoiro nunha aula e acondicionamento da zona, ademais da reparación de fendas e pintado de varias paredes.

Colexio de Frións: traballos de recollida de pluviais no patio infantil traseiro, construción dunha beirarrúa de formigón, reparación do valado exterior, instalación de tarima nunha aula, colocación dunha toma de auga xunto á pista, instalación dunha toma de corrente rack, reparación dunha fuga de auga nos aseos (pendente de ofertar) e reposición de billas.

Colexio de Carreira – Pé do Corniño: colocación de tarima nunha aula, instalación dun encerado, reparación de persianas e elaboración dunha oferta para substituír luminarias.

Colexio da Capela de Carreira: descuberta e reparación do enreixado drenante de augas, habilitación dun tubo de desaugue e colocación dun banco no patio.

Colexio de Palmeira: habilitación dunha rampla de 14 metros lineais en formigón con bordos laterais para dar accesibilidade á pista deportiva e tapado de fochancas no patio.

Colexio do Caramecheiro: renovación integral dos baños, acometida de saneamento da que o colexio carecía e restauración dos xogos infantís do patio.

Colexio de Olveira: renovación integral dun baño no primeiro andar, pintado de tres aulas e dun baño, así como reparación do pavimento vinílico nun baño infantil.

Colexio Heroínas de Sálvora: mantemento xeral e nos próximos meses derrubo dun muro exterior.

Colexio de Artes: reparacións varias de fontanaría e carpintaría, e colocación dunha baixante de auga no tellado do polideportivo.

O alcalde, Luís Pérez Barral, quixo felicitar á brigada municipal de obras “polo esforzo de realizar todas estas actuacións en tan pouco tempo para que todas estiveran dispoñíbeis co arranque do curso escolar”. Pérez Barral asegurou que “estes traballos son unha mostra do compromiso do Concello coa comunidade educativa e co ensino público, porque entendemos que unha educación de calidade tamén precisa de espazos ben coidados, por iso nestes dous meses investimos case 40.000€ en todas estas melloras”.

Por outra banda, tamén destacou que este novo curso comeza con outro compromiso que se suma ao das melloras nos centros educativos: o da conciliación. “Sabemos que a conciliación é unha das grandes preocupacións das familias, especialmente no que se refire aos horarios de entrada e saída dos centros escolares por iso puxemos en marcha ese programa de financiar o monitorado para os servizos de madrugadores ou comedores escolares. Grazas á colaboración coas ANPAS, que son as que mellor coñecen as necesidades de cada colexio apoiamos esas demandas e aliviamos tamén a carga económica das familias”. Con esta acción dende o Concello preténdese facilitar que nos centros haxa ese tipo de servizos evitando que algunhas familias teñan que renunciar a estes recursos polo seu custo.

Con este plan de actuacións, o Concello de Ribeira reafirma a súa aposta pola mellora continua dos colexios públicos, favorecendo o benestar do alumnado e contribuíndo a crear un entorno axeitado para o ensino de calidade.

Por último o Concello de Ribeira tamén informa de que se lle trasladou á Consellaría de Educación a necesidade de escoitar á comunidade escolar do municipio e de garantir a o profesorado suficiente para atender o alumnado naqueles centros que o precisan. O Goberno local considera que se deben poñer os recursos necesarios para que cada centro poida desenvolver a súa actividade académica con calidade e sen prexudicar o alumnado.

Deja un comentario