Friday 22 de November de 2024

Cambio de horario nas visitas guiadas a Navantia-Fene


A dirección de Navantia e o Concello de Fene informan dun cambio de horario nas visitas guiadas ao asteleiro de Fene (zona Jackets Wikinger e Hywind). A partir do vindeiro 17 de abril, éstas pasarán a realizarse na primeira quenda ás 10.30 horas e na segunda quenda ás 12.30 horas. O que non varía é o número de prazas dispoñibles que é de 30 por quenda (poden participar menores de idade aínda que sempre acompañados dun adulto). A duración aproximada das visitas é de hora e media.
No percorrido polo estaleiro, as persoas participantes nas visitas recibirán ampla información sobre o proceso de construción das estruturas tipo Spar que se destinarán ao mar do Norte como soporte en augas profundas dos muíños de enerxía eólica. O parque Hywind, instalarase na costa de Escocia. Os artefactos de 3.700 toneladas de peso contan con 91 metros de alto e 14,50 metros de diámetro. Asemade, visitarán a zona na que se montan os jackets para o parque Wikinger. Neste caso os jackets colocaranse a setenta e cinco quilómetros da costa de Alemaña.
As persoas interesadas en parcipar en calquera das visitas programadas deben inscribirse antes das 12:00 h do venres anterior ao domingo para o que solicita a visita. As inscricións poden realizarse por correo electrónico ou ben presencialmente.
Por correo electrónico, cómpre enviar a ficha de inscrición (dispoñible na páxina web fenecidan.gal), cuberta en todos os seus extremos, ao enderezo electrónico visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, deberán agardar a recibir o correo de confirmación. Tamén se pode entregar a ficha de inscrición no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
A oferta de visitas guiadas a Navantia-Fene, promovida pola dirección de Navantia en colaboración co Concello de Fene, proseguirá todos os domingos até o mes de xullo, data en que os jackets se trasladarán ao seu destino.