
· As obras executaranse con cargo ao POS+Adicional 2025 (segunda fase) da Deputación da Coruña.
O Concello destinará preto de medio millón de euros (en total, 432.069,87) á execución de tres obras: á reconstrución da antiga sede do Club Remo Puebla, á pavimentación dun camiño nas Pedriñas, ao ensanche e pavimentación dunha vía en Rosamonde e á mellora do acceso á Pontenaveira. Así se acordou, esta mañá, nun pleno extraordinario na que a corporación aprobou a proposta de actuacións que se financiarán con cargo ao POS Adicional+2025 (segunda fase) da Deputación da Coruña. O punto saíu adiante co voto a favor de Nós Pobra, BNG, PSOE e de Veciñxs Independentes Pobra e coa abstención do Partido Popular.
Da contía provincial, o Concello destinará 274.895 euros á reconstrución da antiga nave do Club Remo Puebla. A edificación, situada no paseo marítimo, sufriu un incendio en xaneiro que afectou á súa estabilidade e imposibilitou o uso por parte da entidade. O proxecto estará dividido en dúas fases procedéndose, en primeiro lugar, á demolición, desmontaxe e retirada de escombros para, a continuación, reconstruír e reparar as estruturas danadas. As intervencións municipais permitirán actuar sobre as paredes, a cuberta, que se reconstruirá por completo e implicarán tamén a renovación das ventás e portas, entre outras tarefas.
Reforzo da seguridade
O Concello dedicará tamén parte dos fondos provinciais á realización de tres actuacións para mellorar as condicións de seguridade viaria. Trátase, tal e como explicou a concelleira de Obras, Patricia Lojo, de intervencións que se acometerán “para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas, cos que se mantiveron encontros para coñecer as problemáticas de cada zona”.
No caso de Pedriñas, renovarase o pavimento actual, que está moi deteriorado. Na Pontenaveira, as intervencións permitirán actuar sobre o firme e tamén sobre un muro de mampostería. Por último, no de Rosamonde acondicionarase o firme, ampliarase o ancho da calzada e instalaranse unha serie de sumidoiros para recoller a auga da choiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.