
O Pleno aprobou definitivamente o novo marco normativo, que entrará en vigor nas vindeiras semanas, toda vez se publique no Boletín Oficial da Provincia (BOP)
A Coruña contará, a partir das vindeiras semanas, cun novo marco normativo en materia de mobilidade. Así o refrendou esta mañá a Corporación municipal no Pleno ordinario, coa aprobación definitiva dunha ordenanza de mobilidade sostible coa que o Concello actualiza os diversos regulamentos que estaban vixentes ata agora, unificándoos nun mesmo texto e adaptándoos á realidade actual da cidade.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “o obxectivo é promover unha nova cultura da mobilidade que poña ás persoas no centro. Apostamos por un reparto máis equilibrado do espazo público que dea prioridade aos desprazamentos a pé, en bicicleta e que tamén impulse con forza o transporte público como alternativa accesible e sostible”.
A ordenanza aprobouse inicialmente a comezos de xuño e, tal e como detallou Díaz, no posterior proceso de información pública recibíronse 33 suxestións, “que contribuíron a mellorar e enriquecer o texto final”, un texto que conta con 192 artigos e que, ademais de detallar a xerarquía de mobilidade na cidade, tamén determina un catálogo de sancións “que vai garantir o cumprimento das novas normas”.
Entre as cuestións que se valoraron de cara á configuración da ordenanza definitiva estivo a adaptación das velocidades de bicicletas e VMP á vía, e tamén a introdución de sancións por adiantar sen distancia de seguridade. E no referente ao transporte público urbano, tanto novas normas de convivencia como a prohibición de subir aos autobuses con patinetes.
“Esta ordenanza é un compromiso da cidade e coa igualdade de usos no espazo público, froito da participación social e tamén do traballo técnico”, destacou a concelleira.
Luz verde á nova ordenanza de praias, a primeira na historia da Coruña
Tamén esta mañá, o Pleno deu luz verde á aprobación definitiva da Ordenanza municipal para o uso racional e sostible das praias da Coruña, un marco normativo que, tal e como expuxo a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, “permitirá regular o uso das praias durante todo o ano”.
O texto é, en esencia, a primeira ordenanza de praias na historia da Coruña. Ata agora, tal e como lembrou Neira, o uso dos areais regulábase a través de normativas illadas e outras ordenanzas, tamén coa lexislación sectorial vixente.
“Agora, contamos cunha ordenanza racional, cun texto conscientemente efectuado que, entre outros aspectos, permitirá establecer ao longo do tempo que praias se consideran caninas e cales deixan de selo”, apuntou a concelleira, que lembrou que A Coruña conta, a día de hoxe, coa cala canina de Bens. A intención é, tal e como precisou Neira, estudar a inclusión das Amorosas e San Roque como areais de esparexemento canino a futuro.
No caso das praias urbanas, a prohibición de acceso aos cans mantense como ata agora, entre o 1 de xuño ao 30 de setembro, un aspecto clave para que a cidade siga a contar co distintivo de bandeira azul nos areais. “A efectos prácticos, unha vez remata a tempada de verán, poden volver a acceder ás praias da Coruña”, recalcou Neira.
Ademais, a ordenanza tamén actualiza aspectos fundamentais e nos que había certo baleiro legal en termos de seguridade. O obxectivo: evitar infraccións ou conductas perigosas que se detectaron en puntos como o miradoiro de San Amaro, así como o feito de que bañistas accedan á auga habendo bandeira vermella, o que determina a prohibición de baño. Neste sentido, meterse no mar ou non saír voluntariamente cuando esté izada a bandeira vermella considerarase como infracción grave na ordenanza.
Aprobada a ordenanza que facilita o acceso aos viveiros de empresas
Hoxe, o Pleno aprobou inicialmente a modificación da Ordenanza fiscal número 46, que regula o prezo público pola prestación e utilización de instalacións nos centros municipais de empresas de Agrela e o Papagaio.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, contextualizou esta medida, “que contempla a incorporación dunha nova tarifa para as persoas que desenvolvan proxectos en preincubación no CME de Agrela”.
“Os cambios que facemos agora establecen, como é preceptivo, as tarifas para o alugueiro dos distintos locais, e igualando ademais as novas categorías aprobadas para darlle homoxeneidade aos servizos con características semellantes nos dous viveiros de empresas que temos. En esencia, introducimos unha etapa de consolidación para que os proxectos que se poñen en marcha poidan permanecer máis tempo nos viveiros, e establecemos tamén nos dous viveiros unha etapa de preincubación para todos aqueles que comezan”, precisou Lage.
Na dita etapa, as persoas emprendedoras están exentas de aboar o alugueiro durante un período de seis meses, tendo unha bonificación do 40% durante os seguintes seis meses sobre as tarifas establecidas. O cadro de tarifas, en todo caso, fica con taxas moi baixas para facilitar o obxectivo para o cal están deseñados os viveiros: facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais. Por iso os locais máis económicos ofrecen prezos que parten dos 60 euros mensuais no Papagaio e de 81 na Grela.
Apoio ao colectivo de profesionais de servizos sociais e coidados
O Pleno ordinario de setembro arrincou esta mañá con cinco minutos de silencio en lembranza das mulleres asasinadas por violencia de xénero en España desde o pasado mes de xullo.
Segundo as estadísticas da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, desde xaneiro do ano 2003 foron 1.321 as mulleres asasinadas por violencia de xénero no conxunto do país. Son datos oficiais que se contabilizan desde entón, fundamentais para comprender a magnitude deste problema e, en consecuencia, activar políticas de prevención e protección.
Ademais, na sesión plenaria, o Goberno municipal promoveu a lectura dunha declaración institucional sobre as agresións ao persoal dos servizos sociais e coidados, co obxectivo de concienciar e alertar sobre unha realidade preocupante: que a violencia contra as persoas que traballan nos servizos sociais e nos coidados non son casos illados, senón a manifestación dun problema estrutural que require atención urxente.
Nos últimos meses ocorreron graves agresións a profesionais do ámbito social. Entre eles, os asasinatos de Teresa de Jesús González, auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar no Porriño, e de María Belén Cortés, educadora social en Badajoz. A carencia dun sistema de rexistro unificado fai que moitos destes incidentes nin sequera saian á luz, o que agrava a súa invisibilidade.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de ler a declaración institucional, na que se lembrou que as traballadoras e traballadores do ámbito social —un colectivo maioritariamente feminino— desenvolven un labor esencial: atender a persoas maiores, familias en situación de vulnerabilidade, nenas e nenos en risco, persoas en situación de dependencia ou en exclusión social.
“Na cidade da Coruña tamén se teñen producido incidentes de violencia verbal e física contra profesionais dos servizos sociais municipais e do Servizo de Axuda no Fogar, así como contra persoal de entidades de iniciativa social. Como administración máis próxima á cidadanía, o Concello é coñecedor desta realidade e expresa a súa máis enérxica condena de calquera agresión cometida contra quen traballa no eido social e dos coidados, e expresa o seu apoio e solidariedade a todas as profesionais afectadas e ás súas familias”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.