
• Aseguran que existen fórmulas alternativas para pagar a indemnización sen danar as contas municipais
• Izaskun García, portavoz popular: “Culleredo non pode seguir pagando a incompetencia deste alcalde. Se tivese un mínimo de dignidade, debería dimitir xa”
O Partido Popular de Culleredo denuncia o intento do goberno local de intimidar á oposición para condicionar o seu voto no pleno de onte en relación á aprobación do crédito extraordinario para afrontar a sentenza xudicial que condena ao Concello a pagar 1,3 millóns de euros por incumprir o convenio urbanístico do pazo de Villa Melania. O PP, xunto ao BNG, xa se opuxo a esta mesma proposta no pleno anterior. Onte, a concelleira de Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, indicou aos edís que tiñan “unha segunda oportunidade” e que a súa negativa podería carrexarlles consecuencias xudiciais. “O PP quere que se pague a sentenza, pero o que non imos aceptar é que se pague de forma chafalleira e improvisada. O alcalde tenta tapar co remanente de tesourería un buraco provocado pola súa irresponsabilidade. Coñecían esta sentenza desde hai ano e medio e non fixeron absolutamente nada para planificar como pagala”, afirma Izaskun García, portavoz popular. “A responsabilidade non é da corporación municipal no seu conxunto, senón de quen gobernou mirando para outro lado. Que non desvíen o foco ameazando e culpando á oposición de erros que son froito da súa mala xestión”, engade.
A portavoz popular sinala que, ao contrario que a concelleira Marta Iglesias, que asegurou onte que o crédito extraordinario “é a única proposta posible”, si hai alternativas para cumprir a resolución xudicial sen poñer en risco as finanzas municipais. Así, García pide a Rioboo que presente novos orzamentos e que se elabore un plan consensuado cos grupos da oposición para decidir que partidas de baixo grao de execución poden destinarse a pagar a sentenza, “empezando, por exemplo, pola partida de publicidade e propaganda”. “O que quere facer o alcalde é o máis fácil para el, pero o máis prexudicial para Culleredo”, engade.
O PP considera, ademais, que esta indemnización millonaria non é un caso illado, senón a consecuencia directa da incapacidade do goberno local para avanzar no PXOM e continuar co orzamento prorrogado desde 2023. “Isto non é un erro, senón a factura de anos de deixamento. Agora chegan as sentenzas. E non será a última”, advirte García.
Por todo iso, o PP volve esixir dimisións. “A concelleira Marta Iglesias é responsable, pero sobre todo éo o alcalde. Culleredo non pode seguir pagando a súa incompetencia. Se Rioboo tivese un mínimo de dignidade, debería dimitir xa”, conclúe a portavoz popular.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.