
A biblioteca municipal de Neda programa para este venres a primeira presentación literaria da tempada. Trátase da novela de detectives Tú mataste a Dumpivampi, obra do escritor gaditano John Sullivan (Jesús Borrego Piñeiro), afincado na nosa localidade dende fai anos. O acto arrincará ás 18 horas.
O espazo cultural retoma a súa programación cunha charla sobre esta obra na que o autor, coñecido pola súa narrativa erótica, cambia de rexistro. A novela, que parte do asasinato en directo dun personaxe infantil que protagoniza un programa de televisión, é unha historia policíaca na que a investigación serve de fío para a introspección persoal do protagonista, o detective privado Marcos Lacalle.
O escritor, que se daba a coñecer no 2021 coa obra Nombres de mujer, unha colección de relatos eróticos curtos, ten publicado dende entón novelas como El faro de Estela; un spin off desta titulado Lola, después del Faro, ou a máis recente Con los ojos vendados, lanzada este mesmo ano.
Durante o encontro, aberto ao conxunto da veciñanza, John Sullivan compartirá cos lectores e lectoras curiosidades do proceso creativo de Tú mataste a Dumpivampi, e atenderá ás preguntas que formule o público asistente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.