Thursday 11 de September de 2025

Nova unanimidade no Pleno de Brión para solicitar a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia


O Pleno Municipal de Brión aprobou este mediodía por unanimidade solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia. Un acordo que é idéntico ao aprobado, tamén por unanimidade, na sesión de abril de 2024 coa única novidade dos cambios realizados na memoria explicativa para xustificar documentalmente o arraigo da festa entre a veciñanza e a singularidade da romaría.

Durante a tramitación da solicitude realizada en 2024, a comisión avaliadora da Xunta de Galicia entendeu que non se xustificaba o arraigo da Romaría de Santa Minia entre a veciñanza de Brión nin a súa singularidade. Dous puntos que foron incorporados á completa memoria explicativa presentada o ano pasado e que inclúe fotografías, libros, material gráfico e audiovisual que demostran que a Romaría de Santa Minia cumpre con todos os requisitos esixidos para ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Nomeadamente, para insistir no arraigo e na singularidade da Romaría, ao extenso informe asinado por Clodio González, historiador e integrante da Real Academia Galega, engadíronse este ano outra documentación como as máis de 1.200 sinaturas de veciños e veciñas de Brión que solicitan esta distinción e amosan a súa implicación coa romaría. Unhas sinaturas recollidas o pasado mes de decembro en apenas cinco días.

En canto á singularidade da celebración, o Concello de Brión tamén incluíu outros informes como o do párroco de Brión, José Luís Dorelle Iglesias, quen especifica que esta Romaría “foi unha devoción e festividade que non naceu estritamente no seo da xerarquía eclesiástica, senón no sentir común dun grupo de fieis laicos brioneses” dende o século XIX. Ademais, engadíronse novas imaxes de grupos de veciños desfrutando desta festa dende principios de século.

Resto da sesión

Nunha sesión rápida e sen apenas debate, onde todos os puntos foron aprobados por unanimidade con excepción dunha moción do grupo municipal do BNG, o Pleno aprobou a actualización dun 1,87% da ordenanza fiscal da taxa polo saneamento e depuración de augas. Unha porcentaxe que se corresponde co 85% do IPC do ano anterior (contabilizado de abril de 2024 a abril de 2024) e que se vén actualizando dende a sinatura do convenio para a prestación do servizo, no ano 2012.

Por último, o Pleno desestimou unha moción do BNG tipo sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. A moción foi rexeitada cos 3 votos en contra do PP, 2 a favor do BNG e a abstención dos 5 concelleiros do PSOE.

O grupo de Goberno amosou toda a súa solidariedade coas persoas damnificadas e desexou unha pronta recuperación das familias e dos espazos asolados polo lume, máis xustificou a súa abstención en que “non é este o lugar para debater esta moción na que propoñen cambiar a política forestal do Goberno Galego” e recordoulles que “o Parlamento de Galicia é o foro de debate axeitado, non os concellos, polo que a nosa posición vai ser a de abstención”, apuntou a voceira municipal, Sandy Cebral.

Un planteamento que compartiron dende o PP, que xustificaron o seu voto en contra en que “a Xunta respondeu e continúa respondendo”, poñendo como exemplo as medidas adoptadas onte no Parlamento galego ou a concesión das primeiras axudas a persoas afectadas pola vaga de lumes.

Deja un comentario