
Bello e Caridad levarán o apelido “traidor” durante toda a súa vida no pobo
“Ídesvos desta sesión con varios apelidos que vos acompañarán toda a vida: traidores, vendidos, desleais, tránsfugas… nós ímonos coa cabeza ben alta, cheos de dignidade, e con Javier de Jacinta, o noso alcalde, volveremos en 2027”. Así se expresaba en nome da Alternativa dos Veciños a súa voceira e primeira tenente de alcalde, Rocío Rabuñal, na sesión na que os tránsfugas Bello e Caridad entregaron a alcaldía ao PP.
Nin unha soa razón para cambiar de alcalde, máis que a traición dos concelleiros. Nin no texto da moción de censura, nin no discurso do novo alcalde apareceu razón algunha pola que cambiar de goberno, máis aló do simple cambio da maioría derivado da sentencia do Supremo que permite aos tránsfugas violentar o voto da veciñanza ao seu antoxo.
Toda a sesión foi un teatro de banalidades para tratar de xustificar o roubo que o PP e os concelleiros Bello e Caridad perpetraron na Corporación, ao entregar á dereita parte dos sufraxios conseguidos pola Alternativa. “Se realmente vían que o Concello non funcionaba, en pouco tempo pode opinar de novo o pobo, nas seguintes eleccións, pero non: preferiron regalar os votos á dereita. A ver qué van facer agora, porque non poden gobernar”, dixo a voceira veciñal, anunciando que desde Alternativa van ter mil ollos postos en todo o que fan e non lles van pasar unha.
Javier Gestal, nunha emotiva intervención, dixo que realmente o que pasaba era que algunha persoa quería ser alcalde antes de tempo, polo que comezou unha campaña interna de desestabilización que remata hoxe nesta vergoñenta sesión de traicións á democracia: “Non é unha moción do pobo, senón unha moción de algunhas persoas particulares que comezaron a traballar para si mesmas, e non para o grupo e para os veciños de Carral”.
Gestal lembrou tamén que cando chegou á alcaldía “O concello era un auténtico centro de negocios do sr. Mouriño, que hoxe volve a entrar pola porta de atrás” para facer o que máis lle gusta: negociar para os seus amigos, recalificando terreos, mercando propiedades aos seus coñecidos, negociando por detrás propiedades que aumentaban o seu valor, autorizando alturas… todo mentres os servizos públicos e o desenvolvemento urbano quedaban abandonados.
Rabuñal pechou os turnos de intervencións como representante do grupo maioritario tras as eleccións, dicindo que o normal cando estás a disgusto nun grupo é irte deixando todo o que conleva o cargo, permitindo que outra persoa da lista te substitúa. “Pero non o fixeron así: estiveron durante meses desestabilizando o grupo para deixarnos sen apoio e paralizando as votacións no pleno, contra os intereses da veciñanza”, dixo a voceira da Alternativa para rematar cun dato contundente: co programa electoral da Alternativa na man, proclamou “aquí o teñen: o 80% do programa está cumplido”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.